Igrexa de Santo Estevo de Chouzán, Carballedo (Lugo)

Sábado 7 de setembro, 18.00 h

Dúo Fracanapa
(Coñece o teu patrimonio. Ás 12.00 h, tras as pegadas dunha paisaxe asolagada)

 

A igrexa do que foi antigo mosteiro feminino beneditino de Santo Estevo de Chouzán está situada no concello de Carballedo, no suroeste da provincia de Lugo, preto da aldea de Chouzán. Trátase dunha zona montuosa e de difícil acceso, localizada nunha faldra con fermosas vistas sobre a impresionante paisaxe da Ribeira Sacra. A este lugar foi parcialmente trasladada a igrexa -desde o seu emprazamento orixinal no val, preto do río, xunto a un antigo paso de barcas chamado Porto Monsulio- logo da construción do encoro dos Peares. Hai noticias da existencia dun antigo cenobio masculino xa no século IX. No s. XII a súa actividade experimenta certo renacer, agora como mosteiro feminino, baixo a protección da comunidade de Oseira, sendo anexionado no século XV a San Paio de Antealtares, como consecuencia do proceso centralizador iniciado polos Reis Católicos.

Do antigo mosteiro só se conserva a igrexa, construída entre os séculos XII e XIV, data na que esta sufriu grandes modificacións en estilo gótico. É románica a ábsida, reconstruída de xeito íntegro logo do traslado. Ten cabeceira semicircular dividida en cinco tramos con columnas acaroadas, capiteis decorados e tres xanelas. A fachada construíuse no s. XVIII en estilo barroco e nela destaca unha fornela co Santo Estevo, unha espadana con dobre campanario de frontón curvo e tres pináculos de bóla. Co traslado da igrexa, en 1957, baixo a dirección de Pons Sorolla, a súa fisionomía sufriu grandes cambios. Foi eliminado o cruceiro, elemento de gran significación, pois a planta de cruz latina era moi pouco habitual neste tipo de edificacións románicas do rural. Ademais, engadiuse un baptisterio, que conserva a antiga pía bautismal, unha estancia que serviría de arquivo parroquial e a sancristía. Para asentar a igrexa no seu actual emprazamento e salvar o desnivel, construíuse un pórtico sobre o que se asentan as novas estancias, sostido por piares a modo de soportais. Conserváronse no exterior canzorros con decoración antropomorfa, vexetal e xeométrica. O máis importante do conxunto eran as pinturas murais, que cubrían as bóvedas e paredes da ábsida, con escenas do Xuízo Final e da Paixón e cartelas en escritura gótica. Datan de finais do s. XV ou comezos do XVI e sitúanse dentro do estilo gótico-hispanoflamenco. No traslado da igrexa, as pinturas pasáronse a lenzo, adaptándose ás bóvedas, pero perdéronse na súa maior parte. Tratábase, a xuízo de José Manuel García Iglesias, dunha das mostras máis ricas e impresionantes en Galicia, do punto de vista iconográfico, do Xuízo Final. A igrexa dispuña tamén dun retablo maior de traza renacentista, hoxe por desgraza desaparecido.

NOTA IMPORTANTE: non é posible acceder ata a igrexa en turismo. O percorrido a pé é duns 500 m aprox. Máis información sobre o lugar de estacionamento de vehículos, con coordenadas, GPS AQUÍ

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos