Coñece o teu patrimonio

 Espazos Sonoros continúa as súas andainas con propostas que afondan no coñecemento e goce do patrimonio e dos seus elementos en harmónica simbiose coa música.

Espazos vinculados á nosa cultura e historia, testemuñas do noso pasado industrial, educativo, etnográfico, palaciano, mosteiros, catedrais, son, entre outros, os ingredientes básicos que de ano en ano conforman a nosa proposta de lecer, que complementa a programación musical.

Xornada en Santo Estevo de Chouzán: tras as pegadas dunha paisaxe asolagada

Sábado 7 de setembro, 12.00 h

Ás 18.00 h, concerto do Dúo Fracanapa na igrexa de Santo Estevo de Chouzán, Carballedo (Lugo)

Nun lugar dos máis afastados da Ribeira Sacra, no fértil val do Miño, a contorna de Santo Estevo de Chouzán ten, como o propio mosteiro, unha rica e variada historia. O pequeno percorrido proposto permitirá recrearse coa paisaxe, aínda dunha beleza indubidable, pero tamén evocar e lembrar o que foi un pasado histórico, cultural, paisaxístico e antropolóxico de grande riqueza. Nesta pequena ruta circular tentaremos, a través das imaxes e dos textos, descubrir boa parte dese patrimonio que, como resultado da construción do encoro dos Peares, quedou oculto ou en desuso. 

A ruta parte do cemiterio de Chouzán. Continuando pola estrada, e despois de pasar a aldea da Voutureira, baixaremos cara á parte alta do que foi o antigo lugar de Chouzán; alí, lembraremos a situación da antiga localización do mosteiro. Tamén evocaremos a antiga barca de Chouzán, un dos escasos puntos de paso do Miño no pasado, entre as pontes de Belesar e a da cidade de Ourense. Seguindo o que era o antigo camiño que levaba á barca, que comunicaba este mosteiro con outros tan significativos como os de Eiré ou Ferreira de Pantón, na outra marxe do río, camiñaremos até a actual localización da igrexa de Chouzán. Será unha boa ocasión para falarmos sobre a importancia que tivo no pasado o mosteiro, que dispuña dun relevante couto xurisdicional. Os textos de Frei Martín Sarmiento, quen pasou moi pretiño do lugar na súa viaxe a Galicia, servirannos para cuantificar a súa importancia, hoxe en día tan esquecido. Desde a igrexa, desprazarémonos até a pequena aldea de Pacios, nun delicioso paseo de ida e volta que permite gozar de impresionantes vistas sobre o Miño. Ao tempo, poderémonos facer unha idea do que era o aproveitamento tradicional destas terras de fortes encostas. A propia aldea permite visualizar como eran os pequenos núcleos poboacionais da zona e, á luz dos datos do Catastro de Ensenada, faremos unha pequena reflexión sobre o que foi e é a realidade social desta zona. 

Hora e lugar de encontro: ás 12.00 h, no cemiterio de Chouzán, a carón da estrada LU-P-1801, a uns 700 m do seu empalme coa estrada LU-P-1006. Coordenadas GPS,  42.517725, -7.725751

Duración: 2,5 horas aprox.

Distancia: 4 km 

Dificultade: media

Capacidade máxima: 60 persoas

Inscrición: do 24 de agosto ao 4 de setembro, en actividades@espazossonoros.org 

Non esquezas: 

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra para o sol e un impermeable por se chove
  • Un pequeno refrixerio e bebida para o xantar
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño 

Visita guiada ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

Domingo 8 de setembro, 15.00 h

Ás 12.00 h, obradoiro de achegamento á música antiga no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, Parada de Sil (Ourense) 

Para as persoas participantes no obradoiro de achegamento á música antiga está prevista, ao longo da xornada, unha visita comentada ao conxunto do que foi o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, situado en pleno corazón dos canóns do Sil, nunha localización impresionante. Desta alfaia da Ribeira Sacra percorreremos a igrexa coas súas ábsidas, as pinturas ao fresco, o claustro e os restos das dependencias do que foi o mosteiro, hai pouco obxecto de obras para a mellora e conservación do espazo por parte da Administración de Patrimonio. A visita será comentada polo experto arqueólogo e divulgador do patrimonio Ángel Concheiro Coello.

Inscrición: actividade exclusiva para as persoas participantes no obradoiro de achegamento á música antiga (non é preciso inscribirse á parte)

 

Do valor do intanxible. Visita guiada polo museo e os xardíns botánicos da Fundación Fernando Blanco

Sábado 21 de setembro, 16.00 h 

Ás 19.00 h, concerto de Mateo Arnáiz na capela do antigo instituto-escola da Fundación Fernando Blanco, Cee (A Coruña)
 

A Galicia do século XIX ofrecía unha panorámica desoladora no que ao ensino se refire, caracterizada por unha deficiente infraestrutura escolar que se concentraba nas capitais de provincia e nos exemplos illados de escolas fundadas baixo o patrocinio de indianos, impulsadas polas ideas que unían educación e progreso e defendidas estas por unha parte da emigración con conciencia política e social. Baixo este espírito ilustrado naceu a Fundación Fernando Blanco, dando lugar a un centro de ensino modélico, dentro dun innovador proxecto pedagóxico, dotado dos mellores medios para o ensino das ciencias experimentais, humanísticas e dunha coidada biblioteca. O instituto contaba con importantísimas coleccións de mapas, aparellos topográficos, un gabinete de física, un laboratorio de química, un gabinete de historia natural, coleccións zoolóxicas e mineralóxicas e un xardín botánico no que estudar os principios prácticos desa ciencia e da agricultura, para o que tamén se contaba con numerosos modelos de máquinas agrícolas, mostras de fertilizantes, sementes, insectos… No centro ensinábanse, ademais, as materias prácticas necesarias para o desenvolvemento económico da comarca, tales como comercio, lexislación mercantil ou contabilidade, sendo adquiridos para o ensino da música pianos, guitarras, violíns e outros instrumentos cos seus métodos respectivos. 

Coa intención de coñecer de preto os froitos deste labor filantrópico e da profunda pegada que o labor educativo desenvolvido pola Fundación deixou na comarca, visitaremos, da man do experto en patrimonio científico galego e coautor do catálogo dos fondos da Fundación, Rafael Sisto, o Museo-Colección Fernando Blanco. Con el e o curador do museo, Darío Areas, percorreremos a importante colección de patrimonio científico e de materiais didácticos atesourados polo vello instituto-escola, as coleccións pictóricas e artísticas ou as coleccións de instrumentos musicais. Para rematar, e antes do inicio do concerto, visitaremos os xardíns botánicos do instituto, nos que destacan árbores exóticas e centenarias.

Hora e lugar de encontro: 16.00 h, na porta do Museo na Praza da Constitución, 25 de CEE (A Coruña)

Capacidade máxima: 60 persoas

Inscrición: do 7 ao 18 de setembro, en actividades@espazossonoros.org 

Visita ao Pazo do Faramello

Domingo 29 de setembro, 17.00 h

Ás 19.00 h, concerto de Rosalía Gómez Lasheras no Pazo do Faramello, Rois (A Coruña)

 

Para as persoas asistentes ao concerto no Pazo do Faramello está prevista unha visita previa a este impresionante espazo de estilo barroco compostelán, situado ao pé do chamado Castro Lupario, á marxe esquerda do río Tinto e a poucos kilómetros da desembocadura deste no río Sar. Trátase dun edificio do século XVIII, con marcadas influencias italianas e nel poderemos visitar diferentes elementos arquitectónicos e naturais de grande interese nunha contorna na que a auga, a pedra e a natureza se mesturan, creando unha paraxe de incomparable beleza. Deste xeito, percorreremos os xardíns ao gusto do século XIX, a carballeira, a capela barroca, os antigos muíños industriais, o canón do río e a súa fraga, a antiga presa ou o paseo entre camelias e hortensias. Ademais, previo ao concerto, poderemos degustar un aperitivo ao solpor, na impresionante terraza barroca, para goce dunha velada de música inspirada nos ambientes que puideron ter lugar outrora nos salóns do pazo.  

Hora e lugar de encontro: 17.00 h, na porta do pazo xunto ao Xardín do Recordo

Capacidade máxima: 50 persoas 

Inscricións: do 14 ao 25 de setembro, en actividades@espazossonoros.org 

Prezo: 4 euros, inclúe a visita aos xardíns do pazo e un aperitivo

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Un impermeable por se chove

Rolda polo románico de Leiro

Sábado 5 de outubro, 15.00 h

Ás 19.00 h, concerto de L’Unisoni na igrexa de San Miguel de Lebosende, Leiro (Ourense)

 

A comarca do Ribeiro, situada nos confíns da provincia de Ourense, está conformada por vizosas paisaxes caracterizadas polos vales que os ríos Avia e Arnoia van trazando até a súa desembocadura no Miño e pola presenza das videiras que se cultivan na zona para a produción dos afamados viños do Ribeiro. Mais existe tamén nestas terras unha magnífica paisaxe arquitectónica que afunde as súa raíces no románico, conformada por importantes conxuntos monacais, pero tamén por pequenas igrexas rurais de excelente factura e calidade. Leiro ocupa, neste senso, unha situación privilexiada. A fundación, no século X, do mosteiro de San Clodio introduciría e impulsaría o cultivo da vide en boa parte do actual concello, o que lle aportaría abondosas rendas; no século XII, co mosteiro xa incorporado á orde do Císter, aumentaría o seu poder económico e tamén cultural na zona. Mais, probablemente grazas á boiante situación económica da contorna e ás mesmas rendas do viño, existen no concello abondosos exemplos de modestas parroquias rurais nas que o románico está tamén presente e do que dan testemuño igrexas como a de Santo Tomé de Serantes ou San Miguel de Lebosende.

Como petisco previo ao concerto do grupo L’Unisoni, faremos un pequeno percorrido por algúns dos máis significativos exemplos do románico do concello de Leiro, partindo de San Clodio, onde poderemos admirar devagar os elementos máis representativos deste conxunto monacal, agora convertido en parroquia e complexo hostaleiro. De aí, desprazarémonos até a igrexa de San Tomé de Serantes, situada nunha excepcional paraxe, para rematar na interesante e descoñecida igrexa de San Miguel de Lebosende, na que, incluso, teremos oportunidade de ver de preto un dos escasos exemplos de órganos existentes no rural galego. A rolda será guiada e comentada polo experto arqueólogo e divulgador do patrimonio Ángel Concheiro Coello. 

Hora e lugar de encontro: 15.00 h, no mosteiro de San Clodio

Capacidade máxima: 60 persoas

Desprazamentos: os desprazamentos até os diferentes espazos faranse nos vehículos particulares

Inscrición: do 21 de setembro ao 2 de outubro, en actividades@espazossonoros.org  

Non esquezas:
 
  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra para o sol e un impermeable por se chove

 

O Convento: historia e lendas para un lugar enigmático

Domingo 6 de outubro, 12.00 h

Ás 19.00 h, concerto de Capella de Ministrers en Santa María de Penamaior, Becerreá (Lugo)

 

O noso paso polo mosteiro de Santa María de San Lourenzo de Penamaior, coñecido como “O Convento”, aproveitará para facer unha parada e desfrutar dunha xornada na que percorrer a súa contorna. Tamén afondaremos na multitude de referencias e lendas que permanecen no imaxinario colectivo acerca deste enigmático lugar. 

Existen moitas controversias sobre as orixes deste mosteiro. Para algúns están vencelladas aos primeiros tempos da Reconquista, cando o abade do mosteiro de Carracedo, en León, enviou algúns dos seus monxes á procura dun lugar seguro nas montañas apartado das zonas fronteirizas. Pero puidera ser tamén que o cenobio fora fundado coa finalidade de atender os peregrinos que ían cara a Compostela xa que, polo lugar, puido pasar, tal vez, unha derivación do Camiño de Santiago, documentada polo monxe alsaciano Hermann Künig von Vach na súa guía de 1495. Sexa como for, neste lugar, historia e lenda entrelánzanse arredor de multitude de elementos, como a presenza dun venerado lignum crucis, as lendas sobre a existencia nas inmediacións dun lugar templario, a figura de San Lourenzo, custodio do Santo Graal, as supostas referencias no tímpano da igrexa ao ciclo artúrico ou o achado na igrexa dos restos dun alxube. Moitos deste temas están relacionados, ademais, cos tópicos que se desenvolverán musicalmente no concerto da tardiña do grupo Capella de Ministrers. 

Na compaña de membros do colectivo Patrimonio dos Ancares, faremos un percorrido que partirá da igrexa, para subir logo até o poboado de Vilarín e, desde alí, seguir até Liñares, baixando de novo cara á igrexa a carón do río do Convento. Logo dunha parada para comer e visitar a propia igrexa, poderemos achegarnos até a pequena capela de San Lourenzo onde, segundo a lenda, puido ter orixe este asentamento monacal.

Hora e lugar de encontro: ás 12.00 h, na igrexa de Santa María de Penamaior

Duración: 2 horas o percorrido circular e 1,5 horas ida e volta ate a capela de San Lourenzo

Distancia: 5,5  km o percorrido circular e 3,5 km o percorrido de ida e volta

Dificultade: media-baixa

Capacidade máxima: 60 persoas

Inscrición: do 21 de setembro ao 2 de outubro, en actividades@espazossonoros.org  

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra para o sol e un impermeable por se chove
  • Un pequeno refrixerio e bebida para o xantar
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos