Obradoiro de achegamento á música antiga

Unha cita coa música antiga e os seus instrumentos para coñecelos e gozalos

 

ACHEGAMENTO Á VOZ COMO INSTRUMENTO. UN OBRADOIRO PARTICIPATIVO

Domingo 8 de setembro, 12.00 h

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, Parada de Sil (Ourense)

(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, visita guiada polo conxunto do mosteiro)

 

María Giménez
Uxía Delgado
Eliseu Mera
Felipe Rodríguez
Pablo Ruibal
Modera: Andrés díaz

 

No decurso da pasada edición deste xa tradicional obradoiro dentro da programación dos Espazos Sonoros, dedicado entón ao mundo da luthería, xurdiu ao fío da conversa a posibilidade de organizar unha sesión centrada nun instrumento moi presente nos obradoiros pero nunca protagonista: a voz. A idea era que o propio público participase mediante a interpretación de sinxelas melodías, acompañadas na polifonía por unha capela de instrumentos. A proposta lanzada foi recibida con interese polo público de maneira que, velaquí temos un obradoiro de achegamento á voz como instrumento. 

A idea de que unha sinxela e apegadiza melodía ou himno fose interpretada pola congregación de fieis, acompañada por unha capela de instrumentistas profesionais, é unha práctica que xorde a partir da Reforma, práctica que tamén se estendería aos fogares, nos que existía ademais o costume de interpretar conxuntamente melodías acompañadas de diferentes instrumentos. No noso obradoiro, ademais da explicación da orixe e sentido desta práctica, ensaiaremos de cero e sen necesidade de previos coñecementos de música, dúas ou tres pezas axeitadas por voces medias, que serán finalmente interpretadas co acompañamento dunha capela de músicos, interpretación que será gravada e distribuída entre as persoas participantes para o seu uso e escoita posterior. 

O obradoiro desenvolverase nunha contorna excepcional, o mosteiro de Santa Cristina  de Ribas de Sil, onde teremos oportunidade de pasar unha magnífica xornada de achegamento á música antiga e a unha das alfaias do noso patrimonio histórico, nunha visita guiada polo experto e divulgador Ángel Concheiro Coello polo conxunto do mosteiro.

 

Hora e lugar de encontro: 12.00 h, no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

Capacidade máxima: 70 persoas

Inscrición: do 24 de agosto ao 4 de setembro, en actividades@espazossonoros.org 

Público: para todos os públicos, con ou sen coñecementos de música

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra para o sol e un impermeable por se chove
  • Un pequeno refrixerio e bebida para o xantar

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos