Roldas pola paisaxe organística galega

Organeiros sen fronteiras: a paisaxe organística ás dúas beiras do Miño

 

Sábado 14 de setembro, 10.00 h (hora portuguesa)


Espazos Sonoros recupera as súas “Roldas pola paisaxe organística galega” e faino cun interesante percorrido, que transcende os lindeiros xeográficos para entrar noutras paisaxes veciñas fundamentais, o cal axuda a comprender o alcance e significado que tivo a organería galega. A fronteira sur de Galicia co Reino de Portugal foi, de sempre, moi permeable para a música. E, no caso dos órganos e organistas, pódense fornecer multitude de exemplos e casos que así o demostran. Por iso, nesta rolda cruzaremos o Miño, nunha viaxe de ida e volta, por localidades que viron traballar, desde o século XVII, multitude de organeiros e organistas galegos e portugueses. 

Comezaremos as nosas visitas en Viana do Castelo. A capital do distrito acolle nas súas igrexas oito órganos históricos, dos que visitaremos o precioso órgano da igrexa da Santa Casa da Misericórdia, obra de 1721, do importante organeiro portugués frei Lourenço da Conceiçao. Nesta igrexa, e como curiosidade, observaremos como, para non alterar a harmonía e simetría da igrexa, no lado oposto ao órgano, no coro alto, construíuse unha caixa idéntica, pero sen instrumento dentro. Un artificio, o da simulación, moi ao uso no Barroco. A igrexa, reconstruída a comezos do século XVIII, pertence á unha antiga fundación instituída a comezos do século XVI con fins sociais e asistenciais, que aínda segue a funcionar hoxe. O espazo posúe unha grande riqueza decorativa, con numerosos retablos de talla dourada de estilo portugués.

A rolda seguirá polo mosteiro de São Martinho de Tibães, preto de Braga, un impresionante espazo que acolle un non menos impresionante órgano. O mosteiro foi fundado a finais do século XI, e pouco a pouco foise transformando nun dos máis ricos do norte de Portugal. A partir do século XVI é a casa matriz da congregación de san Bieito de Portugal e Brasil e, como tal, escola de arquitectos, mestres tallistas e aprendices doutros oficios que traballaron para a orde. O mosteiro acadou o seu máximo esplendor nos séculos XVII e XVIII, sendo un dos maiores conxuntos monásticos do Portugal barroco. A pesar da desamortización, que levou á venda dos seus bens e do inmoble, a sancristía e a igrexa non saíron á poxa, o que permitiu que se preservasen en relativo bo estado. En 1986, o Estado portugués adquire o inmoble e inicia a súa recuperación. Un dos elementos que destaca da igrexa é o órgano, un instrumento feito por un galego, Francisco Antonio Solla, en 1784. Solla foi un de tantos organeiros galegos que, a partir da segunda década do século XVIII, desenvolveron a súa actividade artística no norte de Portugal.

Por último, cruzaremos de volta o Miño para nos achegar a Tui onde, na Catedral, visitaremos os órganos e as súas espectaculares caixas xemelgas. Un deles foi restaurado mentres que, do outro, só resta a caixa e algúns tubos. O peche simbólico da rolda, desas conexións e intercambios musicais entre Galicia e Portugal, será xa pleno nesta cidade, pois, a fins do século XVII un frade xerónimo portugués, frei Xosé dos Anxos, construirá o órgano grande da Catedral que, posteriormente, sería asentado nunha das caixas que aínda restan.

Acompañaranos no noso percorrido o organista e experto en organería galega e portuguesa, Marco Aurélio Brescia.

 

Programa da visita:

10.00 h (hora portuguesa) Xuntanza na Santa Casa da Misericórdia, en Viana do Castelo, e visita ao órgano

10.45 h Saída cara Tibães 

12.00 h Chegada a Tibães e visita ao órgano e as dependencias do mosteiro

14.00 h Xantar (opcional, prezo 16 euros)

16.00 h Saída cara a Tui

18.00 h (hora española) Visita aos órganos de Tui

19.00 h (hora española) Concerto de Michael Schöch

 

Hora e lugar de encontro: ás 10.00 h (hora portuguesa), na porta da Santa Casa da Misericórdia en Viana do Castelo

Prezo da visita á Santa Casa da Misericórdia: 1 euro

Prezo da visita ao Mosteiro de Tibães: 4 euros

Capacidade máxima: 60 persoas

Inscrición: do 31 de agosto ao 11 de setembro, en actividades@espazossonoros.org

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos