Castelo de Vimianzo, Vimianzo (A Coruña)

Sábado 25 de setembro, 19.00 h

Xoán Curiel
(Coñece o teu patrimonio. Ás 16.30 h, visita ao Castelo)

 

Situado no concello de Vimianzo, na comarca de Terra de Soneira, esta fortaleza, das mellor conservadas de Galicia, foi testemuña dalgúns dos acontecementos históricos máis relevantes da Alta Idade Media, pasando por el protagonistas do talle de Lope Sánchez de Moscoso, Diego de Muros I ou Alonso II de Fonseca. Pola súa estratéxica posición e pola conexión coa costa, esta fortaleza foi fonte de continuas loitas entre os seus propietarios e a mitra compostelá, xa que permitía controlar as rutas comerciais do Mar do Norte, os negocios da sardiña, o sal (imprescindible para a importante industria santiaguesa do curtido do coiro) e os botíns dos barcos que naufragaban na complicada Costa da Morte. En varias ocasións, a fortaleza pasou fugazmente polas mans do arcebispado de Santiago de Compostela, no medio de revoltas e confiscacións, máis quixo o destino que, finalmente, a propiedade volvese no século XX á mitra compostelá, que tanto pelexara por ela, grazas á doazón que fixo a que era entón a súa propietaria.

Aínda que non se teñen documentos que proben a orixe do Castelo de Vimianzo, parece que se pode datar dos últimos anos do século XII ou comezos do XIII e que a súa construción se debe á nobre familia dos Mariño de Lobeira. En 1348 o rei Alfonso XI confisca a fortaleza á familia Mariño para venderlla ao arcebispo de Santiago, pasando por sucesivas mans até chegar, a comezos do XV, á propiedade dos Moscoso, propietarios tamén das Torres do Allo e de Altamira. Durante as revoltas Irmandiñas, o castelo foi asediado e destruído en 1467. Pouco antes, servira de prisión para o arcebispo Alonso II de Fonseca, que foi encerrado alí nunha gaiola durante dous anos, que a lenda dicía era de ouro. Rematada a revolta, Fonseca apodérase do castelo e ordena a súa reconstrución aos seus destrutores, para volver, uns anos máis tarde, a mans do primeiro conde de Altamira, Lope Sánchez de Moscoso. Xa a finais do século XIX o inmoble pasou a ser propiedade do entón presidente da Deputación, Ramón Martelo Núñez, e o seu fillo, o avogado e escritor Evaristo Martelo Paumán del Nero, restaurouno para convertelo na súa residencia, de aí que o castelo se coñeza tamén como Torres do Martelo. A mediados do século XX, logo dun incendio devastador, a propiedade sería doada pola súa propietaria, a filla de Evaristo Martelo, Dolores Martelo de la Maza, solteira e sen descendencia, ao arcebispado de Santiago. Volvía así o prezado inmoble ás mans da institución que en tempos personalizara o arcebispo Fonseca nas súas pelexas coa familia dos Moscoso. En 1973 a propiedade foi vendida á Deputación da Coruña, que procedería á súa rehabilitación para usos culturais.

Da primitiva fortaleza só quedan os restos atopados nunhas excavacións do que puido ser unha torre da homenaxe, no actual patio de armas. O castelo amosa unha planta poligonal irregular e adaptada ao terreno, dispón de tres torres defensivas e unha torre da homenaxe. Rodea o perímetro do castelo un profundo foso. Consérvase o camiño de ronda e o patio de armas. Na entrada ao patio atópase un escudo coa cabeza de lobo da familia dos Moscoso.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos