Pazo de Mariñán, Brión (A Coruña)

Sábado 18 de setembro, 19.00 h 

DOUS
(Coñece o teu patrimonio. Ás 16.30 h, visita guiada polos xardíns do Pazo)

O Pazo de Mariñán, situado no concello de Bergondo, no lugar de Mariñán, na comarca das Mariñas, á beira da ría brigantina foi, na súa orixe, unha edificación defensiva mandada construír, no século XV, por Gómez Pérez das Mariñas, un nobre da corte de Xoán II, que recibiu por concesión deste o señorío das Mariñas e que participaría dunha maneira activa nas loitas Irmandiñas. Segundo o investigador Carlos Martínez Barbeito, o pazo foi herdándose de pais a fillos nunha liña xenealóxica que, sen rupturas, desemboca en Gerardo Bermúdez de Castro y Suárez de Deza, señor de Láncara, no que conflúen boa parte das grandes liñaxes galegas, as casas de Traba, Altamira, Lemos, Sarmiento, Ulloa, Suárez de Deza, Osorio ou Láncara. Precisamente, o pazo era coñecido como Pazo de Láncara cando, en 1933, ao morrer o seu dono sen descendencia, o legou á Deputación da Coruña para que fose destinado a fins sociais. Na actualidade o pazo ten varios usos, para actos institucionais, docentes e como museo no que está depositada boa parte da colección artística da Deputación.

A construción, en orixe defensiva, abandonou o seu carácter militar no século XVIII, cando se transforma en pazo, que é a denominación xenérica que reciben as edificacións situadas no campo que pasaron a cumprir a función de residencia temporal ou fixa da nobreza e fidalguía e que, pola súa suntuosidade, se distinguían do resto das casas rurais das familias labregas. A arquitectura do pazo, de estilo barroco, presenta unha fachada principal na que destaca unha escalinata que dá acceso á entrada. Na súa parte baixa, dúas esculturas en pedra representan a dous serventes en actitude de recibir o que acaba de chegar. A fachada posterior dispón dunha ampla terraza cunha balaustrada granítica e escalinata de rica decoración barroca, que dá acceso ao xardín, atribuída a Fernando de Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro da catedral de Santiago. A capela, xunto ao patio de armas, aínda que procede dunha primitiva fundación en tempos da segunda filla de Gómez Pérez das Mariñas, dona Constanza, que herdou a casa, foi reedificada no século XVIII, dentro das pautas estilísticas do Barroco. A edificación, de gran tamaño, ten dúas portas, unha na parte superior, que dá acceso ao coro, e outra na planta baixa. Destacan nela catro tallas do retablo, do século XVIII, atribuídas a José Gambino. A colección artística do pazo inclúe obras de autores galegos desde o século XIX aos nosos días: Modesto Brocos, Román Navarro, Dionisio Fierros, Jenaro Carrero, Ovidio Murguía, Sotomayor, Lloréns, Seijo Rubio, ou Isaac Díaz Pardo, entre outros.

Como en todos os pazos, un dos elementos fundamentais era o xardín, no que está presente sempre a pedra, a auga e a vexetación, con zona hortícola, ornamental e arborado de grande interese botánico.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos