San Fins, Brión (A Coruña)

Domingo 12 de setembro, 19.00 h

Oni Wytars
(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, Galicia nos confíns da Idade Media: roteiro polas terras de Altamira) 
 

Este fermosísimo conxunto, formado pola igrexa, o viacrucis de pedra, a casa reitoral, o cruceiro e os restos dun pombeiro é un dos proxectos arquitectónicos máis antigos do concello. Se ben existiu unha edificación medieval, descoñécese se a igrexa actual ocupa o  mesmo emprazamento daquela. Os traballos para a construción remóntanse ao século XIV, e recibirían o impulso definitivo da man do V conde de Altamira, Lope Osorio de Moscoso que, en 1597, achegaría unha importante cantidade de diñeiro para continuar coas obras, incluído un novo retablo. Xa cara 1731 o edificio medieval é substituído polo actual e semella que, para a súa construción, como para outros tantos edificios nobres da contorna, foron empregados elementos das Torres de Altamira, en proceso de ruína tras o seu abandono. 

O templo é de planta de cruz latina, cunha única nave abovedada. Na fachada sur engadíronse, xa no século XIX, a sancristía e o campanario de considerable altura. A edificación presenta unha gran sobriedade e total ausencia de ornamentación, o que contrasta con algúns elementos compositivos propios do Barroco de placas compostelán, que o vencellan á mellor tradición construtiva da nosa arquitectura relixiosa. Na fachada destaca a porta flanqueada por pilastras estriadas, sobre a cal descansa unha fornela coa imaxe do patrón, San Fins. Mais, a esa sinxeleza exterior, contraponse o maxestoso interior, decorado con ricos retablos, dos que destaca o do presbiterio, datado entre o 1735 e 1737, cun relicario dedicado a San Fins e numerosas imaxes de santos e decoración de columnas salomónicas propia do século XVIII. A igrexa posúe, ademais, interesantes obxectos de ourivería artística, como un viril de finais do século XVI, de estilo manierista, que se cre doado polo cardeal Baltasar de Moscoso, irmán do conde VI de Altamira, unha cruz procesional de mediados do XVIII ou un cáliz neoclásico de finais do XVIII.

No adro da igrexa atopamos, arrodeándoa, un viacrucis de pedra e un cruceiro, así como algúns panteóns de meritoria decoración e feitura. Ao pé da igrexa está a casa reitoral, que presenta un interesante reloxo de sol situado nun ángulo da edificación e, un pouco máis abaixo, na ladeira do monte que descende até ao novo cemiterio, os restos do pombal e un lavadoiro. No acceso ao conxunto atópase un cruceiro de gran beleza, con pousadoiro e flanqueado por dúas pedras de forma troncocónica provenientes, con toda seguridade, das Torres de Altamira. Baixando pola ladeira do monte atópanse os restos da antiga capela de San Clemente e a súa fonte.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos