San Xiao de Luaña, Brión (A Coruña)

Sábado 11 de setembro

XORNADA INAUGURAL
Músicas en itinere: camiñada musical polas terras de Brión
Manseliña

 

A terra de Luaña é unha das tres comarcas naturais que conforman o territorio de Brión, xunto á de Amaía e Viceso, denominacións coñecidas xa desde a Idade Media. Se ben a comarca de Amaía conta cunha chaira moi extensa, a Luaña é terra de montes e, no pasado, tiña unha extensión moito maior que a da actual fregresía, extendéndose por outros concellos limítrofes e abranguendo lugares tan importantes como o mosteiro de Toxosoutos, que posuía, á súa vez, importantes herdades na zona. Así, e segundo o investigador Clodio González, está documentado que, en 1151, Diego Muñiz, sobriño de Xelmírez, lle doa ao mosteiro os predios que tiña en Luaña e Goiáns.

A igrexa, baixo a advocación de san Xiao, é de orixe románica (s.XII), probablemente o templo máis antigo do concello, e conserva aínda abondosos elementos románicos, en particular, o presbiterio ao completo. De planta rectangular, en orixe, sufriu modificacións posteriores no século XVII, até presentar a actual planta de cruz latina. O presbiterio, de planta rectangular está cuberto por unha bóveda de canón soportada por dous arcos de medio punto, pousados sobre catro columnas de fuste circular embebidas parcialmente no muro e rematadas en capiteis con motivos vexetais. Sobre o arco ábrese unha fiestra na que se sitúa unha interesante imaxe de San Cristovo, de pedra policromada, do século XVI. No exterior, no testeiro, atópase outra estreita xanela enfeitada con columniñas e capiteis con motivos vexetais e arquivolta decorada con taqueado. Os paramentos laterais contan con contrafortes entrelazados por arcos de medio punto, que datan do século XII. Na cabeceira atópanse unhas moi interesantes pinturas murais góticas, de comezos do século XVI, que estiveron tempo atrás ocultas polo retablo e que representan tres escenas da Paixón de Cristo: o camiño do Calvario, a crucifixión coa Virxe e San Xoán Evanxelista, e a Piedade. 

A fachada é de estilo neoclásico e, nela, destaca unha fornela que acolle a imaxe de San Xiao, rematando o conxunto un frontón triangular. Centrada sobre este, levántase unha torre campanario con dous corpos superpostos, de base cuadrada o primeiro deles e circular o segundo rematado, á súa vez, por unha pequena cúpula coroada por un pináculo e unha cruz. 

Fronte á porta da igrexa e fóra do adro atópase un fermoso cruceiro cun baseamento de catro chanzos, base cúbica coa parte superior redondeada e decoración de caveiras en cada ángulo. O Cristo ten á súa dereita a San Francisco, que lle bota as mans pola cintura. No reverso, a coroación da Virxe, coa man dereita sobre o peito e dous anxiños que lle terman da coroa no traveseiro da cruz. Outro cruceiro, situado fronte á entrada ao novo cemiterio, conta cunha fornela na que se representa, en baixorrelevo, unha escena con San Francisco de Asís dándolle o cordón ás ánimas do Purgatorio. No cruceiro represéntase a Cristo coa man dereita descravada e abrazando con ela San Francisco, axeonllado e collendo Xesucristo á altura da cintura. Polo outro lado, está representada a coroación da Virxe, coas mans en posición orante mentres dous anxos sosteñen a coroa sobre a cabeza. Pola precisión e os matices na anatomía e o realismo dramático con que se trata a relación entre os protagonistas masculinos, este cruceiro está considerado como unha das obras cimeiras da arte brionense.

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos