Santa María de Cornanda, Brión (A Coruña)

Sábado 11 de setembro

XORNADA INAUGURAL
Músicas en itinere: camiñada musical polas terras de Brión
Manseliña

 

Situada na aldea da Graña, parece que esta pequeniña igrexa de pranta rectangular pode datar do século XVII, segundo afirma o investigador Clodio González. Está documentada a encomenda dun retablo en 1633 ao entallador compostelán Xoán de Bran, do que non se conserva nada. O actual da capela maior é de finais do XVII, con dous corpos. No primeiro, separado por columnas salomónicas, atopamos as imaxes da Asunción da Virxe, San Xosé e Santo Antonio de Padua. No segundo deles hai unha fornela na que se achaba unha fermosa imaxe da Virxe co neno no colo, coa bóla do mundo na man esquerda e bendecindo coa dereita, datada do século XV, e que foi roubada no ano 1974, espazo que agora ocupa unha talla da Inmaculada Concepción, do século XVIII, que podería ser atribuída a Gregorio Fernández. A fachada é lisa e sinxela, nela ábrese unha xanela e está coroada por unha espadana cun único corpo e dúas campás. Nun dos ángulos da igrexa atopamos un interesante reloxo de sol.

Preto da igrexa sitúase un cruceiro arredor do que viran as procesións, dotado de pousadoiro para poñer a imaxe do santo. Por detrás da imaxe de Cristo, na que destaca o pano de pureza, a imaxe da Virxe das Dores, coas mans cruzadas sobre o peito e a espada espetada no lado esquerdo.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos