Santiago de Cereixo, Vimianzo (A Coruña)

Domingo 19 de setembro, 19.00 h

Vivid Consort
(Coñece o teu patrimonio. Ás 16.30 h, Cereixo: un porto para a Historia)


Case ao fondo da ría, significativamente chamada do Porto, sitúase, nun pequeno promontorio natural, a igrexa románica de Santiago de Cereixo, ao carón das torres, de orixe medieval, do mesmo nome. Estes dous edificios singulares estan rodeados dunha interesante vila medieval, e non menos interesante é o centenario e impresionante carballo situado nunha pequena praciña fronte á igrexa.

É moi probable que tanto as torres como a igrexa tiveran a súa orixe nun porto ou punto defensivo, ao fondo do esteiro do río Grande, que é o que forma a ría de Camariñas. É ben sabido que os romanos, e logo os normandos, usaban estes entrantes naturais de auga como vía natural para as súas penetracións terra adentro. Así sucedeu, por exemplo, nas veciñas rías de Muros e Noia ou máis ao sur, na de Arousa, onde se sitúan as Torres de Catoira. Xa na Idade Media, cara ao século X, as Torres de Cereixo servían de primeira barreira defensiva contra as incursións normandas e o castelo que naceu ao seu arredor sería sede señorial das familias dos Traba ou Carantoña. A igrexa serviría ao castelo e tamén como lugar de enterramento dos nobres desas familias.

A pequena pero interesante igrexa é do século XII e foi construída, moi probablemente, por canteiros que viñan de traballar a Compostela. Ten similitudes estilísticas coa do veciño mosteiro de Moraime e con outras desta zona da Costa da Morte. Un elemento sobresaínte nela é o tímpano da porta sur, que representa o traslado do Apóstolo Santiago na barca, cos seus discípulos, e que é único en toda Galicia; esta imaxe apareceu no reverso de moedas impresas na casa da moeda de Compostela durante a época de Felipe II. Tamén é moi relevante o conxunto de canzorros que se conservan no exterior do muro sur da nave, con representación de animais, vexetais e formas humanas. Nos anos 80 do século XX, á vista do seu notable deterioro, sufriu unha importante restauración. Retirouse o altar barroco, o falso teito onde se descubriron restos das trabes orixinais e que agora se poden observar, abríronse xanelas que estaban cegadas e chegouse ao chan orixinal, cuberto de lápidas e antigos enterramentos. Nun deles, no altar maior, atopouse un enterramento dun home de gran altura, que conservaba un fino cabelo loiro e calzado de coiro, moi ben conservado tamén, especulándose sobre a súa posible orixe normanda.

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos