Torres de Altamira, Brión (A Coruña)

Domingo 12 de setembro

(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, Galicia nos confíns da Idade Media, roteiro polas terras de Altamira)

 

Nun outeiro que domina o val de Amaía, atópanse as Torres de Altamira, situadas sobre unha antiga acrópole castrexa, da que aínda se pode intuír o seu perímetro. No século IX xa debía existir un castelo no lugar que, en 1073, é arranxado por Gonzalo de Moscoso. Desde ese momento, a familia dos Moscoso, vinculada ao lugar, vai estar sempre relacionada coa historia das Torres. Sería esta unha das fortalezas derrubadas polos Irmandiños, na revolta que tivo lugar entre os anos 1467 e 1469, cando era propiedade de Bernal Eans de Moscoso. Daquela, os Moscoso eran xa unha poderosa familia, con propiedades non só en Amaía, senón en boa parte do noroeste de Galicia: seus eran tamén o Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo ou as Torres de Mens. A fortaleza foi reconstruída nalgún momento posterior ás loitas Irmandiñas, pois, en 1471, as tropas do arcebispo, enfrontadas aos Moscoso, poríanas baixo asedio sen éxito. Pouco despois, a súa contorna sería escenario doutro episodio violento, a Batalla de Altamira. Coa lenta pacificación das Terras de Santiago, cara fins do século XV, tiña o suficiente porte para ser residencia do primeiro Conde de Altamira, Lope Sánchez de Moscoso. Será mellorada polos seus herdeiros e, mesmo en 1595, o V conde constrúe, ou amplía, unha capela baixo a advocación dos Reis Magos.

As Torres, e os propios Moscoso, sufrirán unha evolución paralela á de tantos outros castelos, pazos e familias galegas. Os condes trasladaranse a vivir primeiro a Compostela, onde tiñan un pazo no que agora é o Mercado de Abastos, e pasan tempadas en Brión, pero xa no pazo de Guldrís ou o de Trasouteiro, para despois fixar a súa residencia en Madrid. Debido a problemas económicos, venderán todas as súas propiedades en Galicia no ano de 1872. As Torres son adquiridas por un veciño, chegado de Cuba, que usará parte da pedra para construír unha casa e, posteriormente, pasan a mans do arcebispado que, de novo, as usaría como canteira para a igrexa parroquial e para a capela de Santa Minia. Finalmente, no ano 1973, pasarán a mans da Deputación da Coruña, que iniciará traballos de limpeza e consolidación.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos