Torres do Allo, Zas (A Coruña)

Domingo 26 de setembro, 19.00 h

Pablo Sanmamed
CLAUSURA
(Coñece o teu patrimonio. Ás 16.30 h, visita guiada polas Torres e contorna)

 

Este conxunto arquitectónico está situado no concello de Zas, na comarca de Terra de Soneira, nunha paraxe natural de soutos e carballeiras e conformado por unha impresionante casa señorial, dotada de dúas torres que lle dan nome, canda outros elementos como fontes, hórreos, xardíns e construcións auxiliares, que fan deste conxunto un espazo único, non só pola súa beleza arquitectónica, senón pola súa significación histórica. As Torres do Allo están consideradas como un dos pazos máis antigos de Galicia, pois a súa construcción remóntase a finais do s. XV. O seu promotor foi Gomes de Rioboo Vilardefrancos, vasalo dos Condes de Altamira, propietarios das Torres que levan o seu nome no concello de Brión. A edificación lévase a cabo tras a destrución polos RR.CC. do castelo orixinal, que pertencía a Lope Sánchez de Moscoso, conde de Altamira. Este fará casar a súa filla co seu home de confianza, a fin de non perder o seu poder na zona, unha vez que os condes aceptan a destrución da antiga fortaleza e marchan para Madrid para estar máis preto da Corte. E para a súa filla autoriza a construción dun edificio señorial, aínda que con rasgos defensivos e semifortificado, a cabalo entre castelo e mansión renacentista.

 

O edificio presenta unha fachada de tres corpos, un corpo central e dúas torres nos laterais. A torre norte é a máis antiga e é de estilo gótico tardío, con dous pisos de altura. Nela destaca a súa riqueza ornamental con arcos conopiais, motivos vexetais, gárgolas e xanelas de influencia hispano-flamenga. A torre sur foi edificada dous séculos despois da norte, pero garda certa continuidade estilística coa torre vella, se ben incorpora xa elementos barrocos como molduras con motivos vexetais, formando o marco das xanelas. Na xanela principal atopáse un escudo de armas e un balcón con celosías, sostido por ménsulas zoomórficas. Coroan a torre gárgolas semellantes ás que se poden atopar en Compostela. A fachada do edificio, de estilo isabelino, posúe un valor arquitectónico de primeira orde. O seu deseño lembra a fachada do Hostal dos Reis Católicos e, probablemente, fose realizada por canteiros da escola de Egás, familia de arquitectos que construíu tamén o edificio compostelán.

Na parte traseira das Torres atópase o xardín con deseño barroco. A este espazo está vencellada a figura dun grande da ciencia galega, o naturalista Víctor López Seoane, propietario do pazo entre 1870 e 1900 e autor da primeira Historia Natural de Galicia. O xardín está poboado por árbores senlleiras como un grande abeto de Vancouver de máis de vinte metros de altura. Ademais, conforman o conxunto outros elementos, como os hórreos, unha fonte coñecida como fonte do galo, pola figura labrada na súa cabeceira, un monumental pombeiro de planta circular ou a fonte de San Ramón, de estilo barroco, que se atopa no souto. Trátase este, dun manancial de auga fresca labrado en granito, que dispón de dúas bancadas a ambos lados para descanso dos paseantes. Un souto e unha carballeira completan a contorna natural das Torres. Esta foi deseñada polo naturista Víctor López Seoane, como vía de acceso. A capela da San Pedro parece que foi orixinariamente a capela do pazo, se ben hoxe é igrexa parroquial.

O conxunto foi progresivamente abandonado a partir dos anos trinta do século XX, ficando nos noventa en estado de ruína pola caída do tellado, ao que se unen roubos e o expolio de diferentes elementos, como o balcón da torre sur que, por fortuna, foi recuperado. A Deputación Provincial da Coruña adquire as Torres en 1998 para levar a cabo a súa rehabilitación e destinalas a usos culturais, turísticos e sociais. A rehabilitación foi levada a cabo en 1999 polo arquitecto Iago Seara.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos