Coñece o teu patrimonio

Espazos Sonoros continúa as súas roldas con propostas que afondan no coñecemento e goce do patrimonio e dos seus elementos en harmónica simbiose coa música.

Espazos vinculados á nosa cultura e historia, testemuñas do noso pasado industrial, educativo, etnográfico, palaciano, mosteiros, catedrais, son, entre outros, os ingredientes básicos que, de ano en ano, conforman a nosa proposta de lecer, que complementa a programación musical.

Músicas en itinere: camiñada musical por Luaña e Cornanda

Sábado 11 de setembro, 11.00 h

Para a xornada inaugural propoñemos unha xeira na que se unen, de maneira intensa, as dúas vertentes que inspiran a programación do festival Espazos Sonoros, o goce da música, e o aprofundar no coñecemento dos espazos e das súas contornas naturais e singularidades históricas. E para iso, sairemos, xa de mañá, coa intención de pasar un día en convivio coa natureza, o patrimonio e a música, para a descuberta dunhas terras de fonda raizame histórica, tan cercanas á metropole compostelá como, ao mesmo tempo, descoñecidas: as terras dos Altamira, nas parroquias de San Xiao de Luaña e Santa María de Cornanda. A música estará presente ao longo de todo o día, neste novo formato das Músicas en itinere

Iniciaremos esta ruta circular na igrexa de Luaña. Desde alí encamiñamos os nosos pasos cara a aldea de Vexo, para baixar por unha fermosa senda até as beiras do río Tambre. Continúa a ruta abeirándoo para logo subir até a aldea de Alfonsín. De alí, continuamos cara á igrexa parroquial de Cornanda, onde gozaremos dun pequeno concerto, da man do grupo Manseliña, que nos acompañará durante toda a xornada. Alí mesmo faremos parada para o xantar e repoñer forzas. Pola tarde, saímos de volta cara Luaña, onde chegaremos tras unha hora de camiño. Visitaremos a contorna da igrexa, os seus dous cruceiros e as interesantes pinturas do interior. Remataremos a xornada con outro pequeno concerto do grupo Manseliña.

Programa da xornada

Hora e lugar de encontro: ás 11.00 h, na igrexa parroquial de San Xiao de Luaña, Brión (A Coruña)

Duración: 6 h aprox. (inclúe unha parada na igrexa de Cornanda para escoitar un pequeno concerto e parada para o xantar e visita á igrexa de Luaña)

Distancia: 11 km

Dificultade: media-alta

Capacidade máxima: variable en función da normativa COVID aplicable no momento de apertura do prazo de inscrición. 

Inscrición: do 6 ao 9 de setembro en actividades@espazossonoros.org 

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol e un impermeable por se chove
  • Un pequeno refrixerio e bebida para o xantar
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

Galicia nos confíns da Idade Media: roteiro polas terras de Altamira

Domingo 12 de setembro, 15.00 h

Ás 19.00 h, concerto de Oni Wytars na igrexa de San Fins, Brión (A Coruña)


Este percorrido circular atravesa algúns lugares de especial significación histórica do Concello de Brión, que o poñen en conexión con algúns dos episodios máis sobranceiros da nosa historia, pasando tamén por pequenos recunchos de especial fermosura. O percorrido parte da igrexa parroquial de San Fins para subir até as Torres de Altamira, unha fortaleza construída sobre o que foi unha acrópole castrexa, que sería destruída durante as revoltas Irmandiñas no século XV para ser despois residencia do primeiro Conde de Altamira, Lope Sánchez de Moscoso. Desde alí ,pódese contemplar unha fermosa vista sobre as terras de Amaía, e aproveitaremos a parada para falar sobre a historia das Torres e a batalla que alí tivo lugar no s. XV. Continuaremos o noso percorrido cara ao oeste, por unhas pistas forestais que atravesan o importante campo de mámoas de Rañalonga, ben certo que hoxe en día difíciles de localizar polas plantacións de eucaliptos. De aí, baixaremos desta chaira cara a aldea do Rial, tras atravesar un regato, e achegarémonos á aldea de Trasouteiro, onde quedan os restos dun pazo que foi tamén, como as Torres, residencia dos condes de Altamira. 

Desde alí, encamiñarémonos, xa de volta, cara á igrexa de San Fins, onde terá lugar o concerto do conxunto Oni Wytars, non sen antes pasar por un antigo e feiticeiro camiño, que nos levará á capela de San Clemente, aos pés de igrexa, nun dos máis fermosos recunchos do concello.

Hora e lugar de encontro: ás 15.00 h, na igrexa parroquial de San Fins de Brión

Duración: 3 h

Distancia: 7,5 km

Dificultade: media

Capacidade máxima: variable en función da normativa COVID aplicable no momento de apertura do prazo de inscrición. 

Inscrición: do 6 ao 9 de setembro en actividades@espazossonoros.org  

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol e un impermeable por se chove
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

 

 

Visita guiada polos xardíns do Pazo de Mariñán

Sábado 18 de setembro, 16.30 h 

Ás 19.00 h, concerto de DOUS na terraza do Pazo de Mariñán, Bergondo (A Coruña)

 

Como complemento ao concerto de DOUS, teremos oportunidade de coñecer en detalle, en visita guiada e da man de expertos en botánica e interpretación do medio natural, os xardíns do Pazo de Mariñán. Este magnífico conxunto de auga, pedra e plantas, divídese en tres zonas, unha ornamental, outra hortícola e unha zona de arborado, seguindo o esquema dos xardíns monacais. Foi trazado a comezos do XIX por un xardiñeiro francés, probablemente Mathias Tiebe, que tamén traballou na reforma dos xardíns doutros pazos da zona como o de Vilasuso en Carral. Poboados por especies decorativas, destacan teixos, buxos que conforman complexas xeometrías, roseiras, camelios, e árbores exóticas (entre elas os primeiros eucaliptos que chegaron a Galicia da man de frei Rosendo Salvado). Complementan o conxunto unha pequena fraga, ademais das espectaculares vistas sobre a ría de Betanzos, incluíndo un pequeno embarcadoiro, que servía para atravesar a ría antes da construción da ponte do Pedrido. 

Hora: 16.30 h

Capacidade máxima: variable en función da normativa COVID aplicable no momento de apertura do prazo de inscrición. 

Inscrición: do 13 ao 16 de setembro en actividades@espazossonoros.org

 


Cereixo: un porto para a Historia

Domingo 19 de setembro, 16.30 h

Ás 19.00 h, concerto de VIVID Consort na igrexa de Santiago de Cereixo, Vimianzo (A Coruña)

 

A primeira xornada na Terra de Soneira, das tres que pasaremos na presente edición do festival, recalará en Cereixo. Trátase dun lugar marcado polo mar, e dun enclave estratéxico, sobre todo a partir do século X, xa que era vía para a penetración das correntes invasoras vikingas, árabes e porto onde atracaban os barcos de peregrinos que logo seguían camiño a Compostela. Posteriormente, sería tamén punto de onde partía a emigración cara América.

Aproveitaremos a xornada para facermos un pequeno percorrido a través do que contextualizar a importancia deste pequeno pero significativo enclave da nosa costa, percorrendo algúns dos numerosos elementos de interese histórico, artístico, etnográfico e natural que se poden atopar nesta zona. Partiremos do vello carballo ao pé das Torres de Cereixo, unha fortaleza construída en orixe cunha finalidade defensiva, para visitar a pequena e fermosa igrexa de Santiago, do século XII, impregnada de historia e de elementos artísticos de grande relevancia, como o tímpano da portada sur, cunha singular representación da Translatio Beati Iacobi, das únicas que se conservan no contexto peninsular. O noso paseo percorrerá tamén o camiño a carón do río Cereixo ata o Río Grande, na boca da ría de Camariñas, pasando por un muíño de mareas do século XVII, para volver polo singular núcleo de casas tradicionais con balconadas, que nos traerá de novo á igrexa para escoitar músicas compostas na Idade Media coas mulleres do VIVID Consort. 

Hora e lugar de encontro: 16.30 h, na igrexa de Santiago de Cereixo, xunto ao carballo

Dificultade: trátase dun pequeno paseo pola contorna sen dificultade

Capacidade máxima: variable en función da normativa COVID aplicable no momento de apertura do prazo de inscrición. 

Inscrición: do 13 ao 16 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol e un impermeable por se chove
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

 

 

Visita guiada polo Castelo de Vimianzo

Sábado 25 de setembro, 16.30 h

Ás 19.00 h, concerto de Xoán Curiel no Castelo de Vimianzo, Vimianzo (A Coruña)

 

Previamente ao concerto de Xoán Curiel, visitaremos esta alfaia da arquitectura civil do reino medieval de Galicia, unha das mellores testemuñas dunha época de esplendor, obxecto da cobiza de nobres e arcebispos e escenario de loitas que marcarían fondamente o devir da Historia no noso país. 

O inmoble, propiedade da Deputación Provincial da Coruña, e xestionado polo Concello de Vimianzo, está situado nunha encrucillada de itinerarios, o que lle permitía ter unha posición estratéxica para administrar a Terra de Soneira. Así, visitaremos este conxunto monumental coas súas catro torres, unha ponte, un foxo, unha barbacá e unha muralla circular que protexe a vivenda, a cociña, un alpendre e o patio de armas. Ademais diso, repararemos nos numerosos detalles arquitectónicos de diferentes época e usos que nel, afortunadamente, se conservan.

Hora: 16.30 h (para as visitas organizaranse varias quendas)

Capacidade máxima: variable en función da normativa COVID aplicable no momento de apertura do prazo de inscrición. 

Inscrición: do 20 ao 23 de setembro en actividades@espazossonoros.org

 


Visita guiada polas Torres do Allo e contorna

Domingo 26 de Setembro, 16.30 h

Ás 19.00 h concerto de Pablo Sanmamed nas Torres do Allo, Zas (A Coruña)

 

Situadas no concello de Zas, tamén en Terra de Soneira, as súas orixes remóntanse ao século XV, ao seren construídas as torres logo da destrución, polos Reis Católicos, da anterior fortaleza pertencente á casa de Altamira. Trátase dun edificio fortificado a cabalo entre fortaleza militar e residencia señorial ou pazo renacentista, no que é posible apreciar rasgos do estilo gótico hispano-flamengo. Na visita contextualizarase o pazo e outras edificacións que conforman o conxunto, para alén dos elementos naturais que forman parte deste impresionante espazo.

Hora: 16.30 h

Capacidade máxima: variable en función da normativa COVID aplicable no momento de apertura do prazo de inscrición. 

Inscrición: do 20 ao 23 de setembro en actividades@espazossonoros.org

 


2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos