MÚSICAS QUE ARRECENDEN A LUGARES

Dous


Dous_estudio_4.jpg    

Fernando Abreu, clarinetes e voz
Pablo Carrera, guitarras e voz

 

Sábado 18 de setembro, 19.00 h

Pazo de Mariñán, Bergondo (A Coruña)
(Coñece o teu patrimonio. Ás 16.30 h, visita guiada polos xardíns do Pazo de Mariñán)

Inscrición para visita e concerto: do 13 ao 16 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Fernando Abreu, clarinetista de ampla formación académica especializado na interpretación de clarinetes históricos e na música contemporánea, e Pablo Carrera, guitarrista, compositor, produtor e músico experimentador, son os integrantes desta singular formación, que leva xa preto de vinte anos facendo músicas a medio camiño entre as músicas do mundo e a improvisación. Ao longo da súa traxectoria publicaron tres discos sÓ sOn sOns, Dous e A Viaxe de Yoyo, publicado en 2017. Ademais, traballaron na creación de espazos sonoros para espectáculos teatrais e súa música serviu tamén de acompañamento en varios traballos audiovisuais. O dúo formou parte do proxecto VoArte, do creador e coreógrafo Víctor Orive, un traballo que afondaba na exploración das potencialidades terapéuticas da música. Actualmente están a traballar nun espectáculo poético-musical sobre a obra de Xela Arias.

As súas interpretacións semellan tinguidas de influencias diversas, o que lles permite crear un repertorio de composicións propias co que, como eles mesmos apuntan, afondan na procura da emoción por riba do virtuosismo técnico, para convidar así aos ouvintes a unha viaxe a través dos sentidos. Nesta xornada de visita ao Pazo de Mariñán, viaxaremos con DOUS, escoitando unhas músicas que arrecenden a lugares coñecidos e lugares imaxinarios, sen deixar de saborear e gozar as cores das nosas paisaxes e de sentir o peso da nosa propia historia neste fermoso lugar á beira da ría de Betanzos.

sondous.com

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos