Convento do Rosario, San Sadurniño (A Coruña)

Sábado 10 de setembro, 19.00 h

La Spagnoletta

(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.30 h, visita guiada polo castelo de Naraío)

 

A fundación do convento data de comezos do século XVI (1508) e débese a Fernando de Andrade, primeiro señor de San Sadurniño, e á súa dona, Inés de Castro e Lanzós, filla do caudillo irmandiño Alonso de Lanzós. O convento ergueuse aproveitando parte dos solares de antigas edificacións, entre os que se atopaban unha igrexa románica, baixo a advocación de Santa Olaia, unha encomenda templaria e un hospital de San Xoán de Xerusalén, que atendía as xentes que peregrinaban a Santiago e a outros santuarios entre os que se atopaba o de San Andrés de Teixido. A fundación institúese, primeiramente, como colexiata con cinco capeláns nomeados directamente polo fundador. O convento sería xestionado polos cóengos regulares de San Agostiño, orde que, desde a Idade Media tivo unha importante presenza nas vías de peregrinación a Compostela. O fillo do fundador, Xoán Freire de Andrade pasaría o convento aos franciscanos e o fillo deste, Pedro de Andrade, cedería o convento aos Dominicos, que permanecerán en San Sadurniño durante 250 anos e instituirían unha escola de Gramática e Retórica. O mosteiro nunca acolleu a máis de oito monxes polo que, logo do Real Decreto de 25 de xullo de 1835, que suprimía os mosteiros e conventos que non tivesen doce individuos profesos, o Convento do Rosario ficou baleiro. En 1863, parte dos seus espazos foron ocupados polas escolas públicas e empregados como sede do Concello. No século XX acolleu tamén as dependencias da Garda Civil e o teleclube.

A cabeceira da igrexa, separada do corpo desta por un arco oxival, é do século XII, aínda que moi transformada, e preséntase moi desviada con respecto á nave central. É a única parte que conserva elementos da igrexa do XVI, que foi derrubada en 1755 para construír a igrexa actual. Nela atópanse os sepulcros dos fundadores, Fernando de Andrade e Inés de Castro e dun dos seus fillos. Dona Inés está representada cun libro na man, un motivo moi do gusto do Renacemento, momento no que nace a imprenta e o interese polo coñecemento. O segundo sepulcro, posterior no tempo, é o de Fernando de Andrade, e nel está labrada a estatua xacente do cabaleiro vestido de guerreiro con cota e espada; os ollos semellan entrepechados e, segundo a historiadora da Arte Margarita Sánchez Yáñez, estudosa do templo, este feito podería ser algo intencionado, xa que é sabido que o nobre tiña graves problemas de cegueira ao final dos seus días. Pola contra, no terceiro dos sepulcros, o fillo do fundador, Juan Freire de Andrade, non é representado como un guerreiro, senón como un cortesán e non viste armadura senón roupón de cabaleiro até media perna. 

Nas inmediacións do convento destaca a presenza dunha fonte do século XVIII realizada  en pedra de Moeche, á que se accede a través dunha escaleira de 50 chanzos separados por cinco descansos, que parece simbolizar os cinco misterios do rosario, o cal se podería rezar baixando ou subindo dende a fonte ao convento.

Destaca xunto á sancristía a escaleira de pedra serpentina ou toelo de Moeche, do século XVIII, que sobe ao andar superior e dá acceso ao coro que albergaba a comunidade de Dominicos, onde se atopaba tamén o órgano do que só queda o espazo baleiro, o balcón e a portiña que lle daba acceso.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos