O Dolmen de Dombate, Cabana de Bergantiños (A Coruña)

Sábado 17 de setembro, 12.00 h 

Abraham Cupeiro e Alba Barreiro

(Coñece o teu patrimonio. Visita ao Dolmen de Dombate e ao Castro de Borneiro)

 

A Costa da Morte posúe un importante patrimonio megalítico composto por xacementos arqueolóxicos datados entre o V e o II milenio a.C., período que vai desde o Neolítico até a Idade do Bronce. Trátase, na súa maioría, de construcións de carácter tumular, que podían ter servido tamén como elementos para demarcar o territorio pola súa monumentalidade e visibilidade no espazo. Dos diversos tipos de monumentos megalíticos os dolmens de cámara poligonal e corredor desenvolto, atopan unha grande presenza nesta comarca, con algúns dos exemplos de maiores dimensións e mellor conservados de Galicia, entre eles, o Dolmen de Dombate. Xa no século XIX referíase a el o historiador Manuel Murguía na súa Historia de Galicia e o poeta Eduardo Pondal o inmortalizaría no seu poema Queixumes dos pinos.

Situado na parroquia de Borneiro, no concello de Cabana, foi obxecto de uso entre o 3800 e o 2700 a. C. A estrutura consiste nunha cámara poligonal de sete ortóstratos  e un corredor de tres tramos. O dolmen ten a singularidade de contar con pinturas e gravados, as pinturas están feitas con elaboradas técnicas, en cores vermella e negra, sobre unha base branca de caolín e nelas dominan os motivos xeométricos, liñas en zigzag e de puntos negros e vermellos. As escavacións realizadas a finais dos oitenta polo arqueólogo José María Bello sacaron á luz importantes datos até entón descoñecidos, como a existencia dun megalito anterior de menor tamaño e complexidade e dunha ringleira de vinte idoliños de forma humana, colocados fronte ao corredor, que semellan sinalar o límite entre o mundo dos vivos e o espacio sacramental funerario. O dolmen fora adquirido pola Deputación da Coruña en 1975 e declarado ben de interese cultural en 1978. Logo das primeiras escavacións a finais dos oitenta e debido á desatención que sufriu, as pinturas e o monumento en xeral sufriron un proceso de degradación preocupante con perda de importantes elementos. En 2009, realizáronse novamente escavacións e acometeuse a súa musealización definitiva.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos