Mosteiro de San Paio de Antealtares, Santiago de Compostela (A Coruña)

Venres 23 de setembro, 20.30 h 

Ana Aguado

(Coñece o teu patrimonio. A soas cos órganos: conversa con Ana Aguado)

 

Domingo 25 de setembro, 20.30 h

CLAUSURA

Favola d’Argo

 

O mosteiro primitivo de San Paio de Antealtares, orixinariamente baixo a advocación de San Pedro, foi fundado por volta do 830 por Alfonso II o Casto, sendo ocupado por doce monxes bieitos, aos que se lles encomenda o coidado do lugar e o culto ao sepulcro do Apóstolo Santiago, descuberto na altura. O cenobio, no seu primeiro emprazamento, contaba con tres altares consagrados ao Salvador, San Pedro e San Xoán e estaba situado nunha posición previa á da igrexa que acollía a tumba de Santiago. Coas sucesivas ampliacións da Catedral, o primitivo mosteiro foi desprazado cara ao leste, ocupando uns terreos na actual praza da Quintana. En 1499, froito da reforma iniciada polos Reis Católicos, o mosteiro convertiuse na institución central dos mosterios femininos da orde en Galicia. Como mosteiro bieito feminino viviu a súa época de esplendor durante o Barroco, cando foi reformada a arquitectura do mosteiro e da igrexa, grazas ás cuantiosas dotes fornecidas polas relixiosas que nel profesaban, moitas delas procedentes dunha  elevada extracción social, e ao apoio da Coroa. 

A igrexa comezou a construírse no 1700 da man de frei Gabriel de Casas e, a partir do 1703, sería Pedro García quen proseguiría as obras até que, en 1707, foi inaugurado o novo templo. A fachada é sobria e mostra a San Paio mártir que viste roupas ao gusto de comezos do XVIII. A planta é de cruz grega e está recuberta con bóvedas de canón e casetóns. A cúpula elévase sobre pendentes enfeitadas, rematando nunha lanterna que alumea o interior da nave. Destaca a presenza do retablo no altar maior, obra de Castro Canseco. 

O esplendor artístico do mosteiro manifestouse tamén no eido musical. Desde comezos do século XVII contaba con capela de música de moita sona, integrada por cantantes, instrumentistas e unha mestra de capela. Ademais de instrumentos como a arpa e o baixón, as monxas chegaron a ter até tres órganos. De toda aquela riqueza queda hoxe en día, como única testemuña, o órgano barroco construído en 1784. Este magnífico instrumento, obra do organeiro compostelán Alberto de la Peña, é un dos máis salientables de Galicia.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos