Mosteiro de Santa María de Sobrado, Sobrado (A Coruña)

Domingo 11 de setembro, 19.00 h

Ministriles de Marsias

(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.30 h, Ruta da Carballeira)

 

Na terra de Melide, no extremo oriental da provincia da Coruña, sitúase un dos mosteiros máis relevantes de Galicia, o mosteiro cisterciense de Santa María de Sobrado, máis popularmente coñecido como Sobrado dos Monxes. Foi fundado como mosteiro dúplice, probablemente no ano 952, polos condes de Présaras e aparece en documentos do século X, baixo a advocación de San Salvador. No entanto, a continuación, sufriría un longo período de abandono duns cento cincuenta anos, até a súa refundación en 1142, cando san Bernardo envía desde Claraval, en Francia, unha comunidade de monxes. Ao longo dos séculos XII e XIII, o mosteiro coñecerá unha nova época de esplendor, e en 1498 será incorporado á congregación de San Bernardo de Castela da orde do Císter. 

A construción da igrexa, atribuída a Pedro de Monteagudo, iniciouse arredor do ano 1675. A fachada, de estilo barroco, que aproveitou as experiencias previas das de Monfero e Oseira, está flanqueada por dúas torres nas que se poden adiviñar influencias da Torre do Reloxo da catedral de Santiago, que se estaba a construír polas mesmas datas. Destacan na fachada as columnas salomónicas de orde xigante e, sobre o lintel da porta, unha fornela cunha imaxe da Virxe. O interior ten planta de cruz latina, cunha nave no cruceiro e tres no brazo maior. Consérvanse a sancristía e a a Capela do Rosario, de datas anteriores á da igrexa. O coro alto ocupaba antigamente os dous tramos posteriores da nave, aínda que hoxe só ocupa un deles. O complexo monacal acolle, ademais da fermosa igrexa barroca xa citada e das dependencias monacais, tres magníficos claustros: o de entrada ou dos Peregrinos, o procesional ou dos Medallóns e o da comunidade, o maior de todos. 

Sobrado gozou dunha rica vida musical, grazas aos seus organistas e os seus órganos. Xa en 1554 consta que a antiga igrexa contaba con dous órganos, un grande e outro máis cativo. Arredor de 1700 farase un novo órgano grande, boa parte del sufragado por frei Ruperto Bermejo, que fora abade do mosteiro. Recentemente, descubriuse que o importante organista e compositor barroco frei Bartolomé de Olagüe foi monxe organista en Sobrado durante cuarenta anos, entre 1667 e 1707. Olagüe, nado en Compostela en 1652, é o primeiro organista barroco galego do que se conserva obra.

Tras unha etapa de fonda decadencia, en 1834 o mosteiro foi suprimido por orde real e os seus edificios vendidos, iniciándose a súa paulatina degradación e ruína até que, en 1854, é rehabilitado por encomenda do cardenal Quiroga Palacios. En 1966, envíase até alí unha nova comunidade de monxes, o que supón o reinicio da vida do Císter. 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos