San Xiao de Bastavales, Brión (A Coruña)

Domingo 18 de setembro, 19.00 h 

Austrian Baroque Company

(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.30 h, Ruta polas terras rosalianas)

 

Nunha ladeira sobre as vizosas terras que rega ao seu paso o  río Sar, érguese, cunha pouco habitual orientación cara o leste, a igrexa de San Xiao de Bastavales, que forma un conxunto coa Capela do Carme, a casa reitoral, unha fonte e a escalinata que salva o desnivel desde a capela do Carme. Se ben construída sobre unha edificación anterior románica da que existen vestixios como dous sartegos de pedra aproveitados hoxe para a condución da auga da casa reitoral, o templo foi reformulado en 1768, sendo o proxecto de Lucas Ferro Caaveiro

No exterior, o edificio presenta unha sobria feitura, concentrando na fachada os elementos decorativos, como as molduras laterais e un frontón triangular rematado por pináculos, un reloxo e un relevo do patrón, San Xiao, enmarcado por un friso con molduras e dous floróns a cada lado. No lado dereito érguese a torre, construída en 1828, de catro corpos superpostos, dous adicados ás campás e un cuarto octogonal,  rematado por unha pequena cúpula coroada por un pináculo. Bordeando o adro da igrexa hai un peche con profusa decoración de floróns e bancos de pedra. 

O interior ten planta de cruz latina cunha soa nave cuberta por bóveda de canón. No altar maior atópase un retablo atribuído a Miguel Caaveiro, procedente do obradoiro de Xosé Ferreiro. A igrexa conta tamén con imaxes atribuídas ao obradoiro de Melchor de Prado, como as de San Xiao, San Pedro e San Paulo, o cal colaboraría tamén nos retablos das capelas laterais adicados ao Nazareno e á Virxe das Dores.

Este emblemático espazo, necesariamente, leva a evocar a figura de Rosalía de Castro, que escribiu “Campanas de Bastabales, cando vos oyo tocar, mórrome de soidades” (Cantares Gallegos, 1863). A poeta doíase de dor ferida ao escoitar as campás da igrexa na lembranza de días pasados, confrontándose co inevitable paso do tempo que foxe. As campás que Rosalía evocaba entón xa non existen, foron susbtituídas a comezos do século XX debido aos danos que sufrían por outras de nova feitura, procedentes do prestixioso obradoiro Ocampo de Arcos da Condesa, o único obradoiro de fundición de campás que aínda existe en Galicia e que foi visitado en 2018 polos Espazos Sonoros.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos