San Xoán de Caaveiro, A Capela (A Coruña)

Domingo 4 de setembro, 15.30 h 

Manuel Vilas 

(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.30 visita ao Mosteiro de Caaveiro)

 

No profundo das fragas do río Eume, nunha localización que compite en beleza e illamento cos fondos vales da Ribeira Sacra, atópanse os restos do antigo mosteiro de Caaveiro. O lugar permite evocar coma ningún outro o ambiente das primeiras comunidades de vida cenobítica. O propio mosteiro, baixo a regra de San Bieito, debeu xurdir dun destes cenobios nos comezos do século X senón antes. Cómpre sinalar que, contrariamente a unha certa tradición, non foi San Rosendo o fundador do mosteiro, aínda que sabemos que, no ano 936, xunto co bispo de Lugo Ero e outros benfeitores, fixo unha importante doazón de enxoval, libros litúrxicos e terras. A mediados do século XII, o mosteiro deixa de estar baixo a regra bieita e pasa a converterse en colexiata dos cóengos regulares de Santo Agostiño. A vida deste tipo de congregacións situábase a medio camiño entre a vida do clero secular e a puramente contemplativa da do clero regular dos mosteiros. No século XVIII Caaveiro perde a súa condición de colexiata e chega a proxectarse o seu traslado á puxante vila de Ferrol, para atender debidamente a vida espiritual dos moitos novos poboadores que alí acudían a traballar no arsenal. Non chegaría a cristalizar a idea, pero vai sinalar o comezo do seu declive, nun proceso que continuará até a desamortización do século XIX e o seu total abandono. A ruína que se seguiu fixo que boa parte das súas dependencias se fosen deteriorando. Foi o caso das tres casas dos cóengos ou da igrexa colexial baixo a advocación de San Xoán, situada por riba da que aínda se conserva, a de Santa Isabel. En 1896, o filántropo Pío García Espinosa, adquire o mosteiro para transformalo en residencia para o verán coa demolición dos citados elementos debido ao seu estado ruinoso. O aspecto que adquire o conxunto tras esa intervención é o que, en esencia, conserva hoxe en día, trala súa recente adquisición e restauración por parte da Deputación Provincial da Coruña.

En Caaveiro non se escoitou só a música do Eume no fondo do val ou o chío dos paxaros, o mosteiro contou tamén cun órgano. Sabemos que, en 1620, o instrumento foi cedido á igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume, xa que o que alí tiñan estragárase durante un incendio. En 1736 os cóengos solicitan a dotación de 400 ducados para unha praza de organista estable e para acometer restauracións no órgano. O lugar que ocupaba o instrumento debía estar no lugar indicado por Montero Aróstegui en 1858, nun balconciño que existía no lateral do coro alto da desaparecida igrexa de San Xoán.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos