Santa María dos Ánxeles, Brión (A Coruña)

Sábado 3 de setembro, 19.00 h

CONCERTO INAUGURAL

Proxecto Dous Mares

 

Esta parroquia era orixinariamente coñecida como Santa María de Pérros, nome substituído a finais do séculos XVI por mandato do arcebispo Francisco Blanco de Salcedo, durante o proceso de castelanización dos topónimos en Galicia, debido á connotación que, en castelán, adquiría o termo “perros”. A actual igrexa reempraza outra anterior de estilo románico, época na que houbo unha inxente actividade construtora ao longo do termo municipal de Brión, aínda que se teñen dúbidas sobre a súa orixinaria ubicación, é dicir, se se atopaba no actual emprazamento da igrexa ou na mesma aldea de Pérros. Da construción orixinaria pouco se conserva, se ben destaca, como apunta Clodio González, a cruz cumial que coroa o presbiterio e algunhas pedras con decoración que se poden aínda apreciar na sancristía. 

Será no século XVIII cando se mande construír a igrexa barroca actual e o proxecto parece deberse a Francisco Antonio Fernández Sarela, pai de Clemente Fernández Sarela, o autor da fachada da casa do Cabido nas Praterías. O edificio comezouse a construír en 1748 e, logo de varias fases construtivas, rematouse cara 1789. A igrexa ten planta de cruz latina cunha soa nave con bóveda de canón e arestas na parte do cruceiro. No interior destaca o retablo do altar maior de Ramón Pérez de Monroy de 1794, de estilo neoclásico, no que se atopan as imaxes da Asunción, San Xosé e San Roque. Digno de mención é tamén o Cristo renacentista cravado na cruz do primeiro terzo do século XVI.

Destaca na fachada unha fornela cunha imaxe da Asunción da Virxe con anxos, o reloxo, outro reloxo de sol no lateral orientado ao sur e unha torre con dous corpos, onde se aloxan as campás, un de base cadrada e outro octogonal coroado cunha cúpula. O adro da igrexa está cercado por un muro onde se abren dúas portas decoradas con pináculos e ao longo del sucédese un viacrucis. No adro, fronte á fachada, atópase a pía bautismal barroca.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos