Coñece o teu patrimonio

Espazos Sonoros continúa as súas roldas con propostas que afondan no coñecemento e goce do patrimonio e dos seus elementos en harmónica simbiose coa música.

Espazos vinculados á nosa cultura e historia, testemuñas do noso pasado industrial, educativo, etnográfico, palaciano, mosteiros, catedrais, son, entre outros, os ingredientes básicos que, de ano en ano, conforman a nosa proposta de lecer, que complementa a programación musical.

Visita ao Mosteiro de Caaveiro

Domingo 4 de setembro, 15.30 h (encontro no centro de interpretación das Fragas do Eume)

O concerto do arpista galego, Manuel Vilas na igrexa do Mosteiro de Caaveiro serviranos de excusa para pasar unha agradable tarde neste impresionante espazo, titularidade da Deputación da Coruña, de incomparable beleza e situado no corazón das Fragas do Eume. Visitaremos os diferentes espazos e edificacións do espectacular conxunto que aínda se manteñen en pé, así como a contorna natural que descende até o río Sesín, onde se conservan restos dun antigo muíño e unha fonte.

Hora e lugar: 15.30 h xunto ao centro de interpretación das Fragas do Eume, lugar onde se estacionarán os vehículos. De alí sairá un autobús até o pé do mosteiro.

Dificultade: baixa, o tramo de subida ao mosteiro non presenta especial dificultade

Capacidade máxima (para concerto e visitas): 60 persoas

Inscrición: do 30 de agosto ao 1 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol e un impermeable por se chove
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

Visita guiada polo castelo de Naraío

Sábado 10 de setembro, 15.30

Ás 19.00 h, concerto de La Spagnoletta no Convento do Rosario, San Sadurniño (A Coruña)

Ao noso paso polo concello de San Sadurniño e o convento do Rosario, aproveitaremos para nos mergullar aínda máis na súa historia, facendo unha parada no castelo de Naraío. Trátase dunha singular edificación medieval defensiva situada á beira do río Castro sobre un escarpado rochedo que, parcialmente, fai parte da propia construción. Hoxe só se conserva a torre da homenaxe de planta cadrada, ademais de dous arcos que soportaban portóns e o anciño, canda evidencias de até tres muros perimetrais e restos doutras dependencias arredor da torre. A situación e os elementos defensivos da fortaleza faríana practicamente inexpugnable ao contar, ademais, cun grande alxibe que lles permitiría resistir aos seus habitantes durante meses de asedio. A propiedade do castelo recaíu, co decorrer do tempo, na familia dos Andrade e foi escenario da primeira e segunda revolta irmandiña no século XV. Finalmente, o castelo pasou á Casa de Alba, que a cedeu ao Concello por un período de 30 anos.

Hora e lugar de encontro: 15.30 h ao pé do castelo (para as visitas organizaranse varias quendas)

Capacidade máxima: 40 persoas

Inscrición: do 6 ao 8 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol e un impermeable por se chove
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

Ruta da Carballeira

Domingo 11 de setembro, 15.30 h

Ás 19.00 h, concerto dos Ministriles de Marsias no Mosteiro de Santa María de Sobrado (A Coruña)

Trátase dunha ruta circular que parte da praza do concello e transcorre pola carballeira da Casa do Gado e a histórica lagoa de Sobrado, para circundar o perímetro da muralla do mosteiro de volta ao lugar de saída. A carballeira está conformada por un bosque de carballos, castiñeiros e bidueiros que se atopan nunha propiedade privada pola que transita o Camiño Real, que serve de servidume de paso. Na porta norte da propiedade destaca un grupiño de catro freixos centenarios catalogados como árbores senlleiras e, no mesmo catálogo, figura un carballo ao que se lle calcula unha antigüidade de entre douscentos e trescentos anos, situado no lugar de Portacal, a 2 km da lagoa.

A lagoa é unha das zonas húmidas máis relevantes da xeografía galega, cunha rica flora (bidueiros, freixos, carballos, salgueiros, nenúfares, espigas de auga e algas endémicas que habitan nas profundidades da Lagoa) e fauna, especialmente aves acuáticas. Foi construída polos monxes no século XVI encorando as augas de varios regatos que forman as fontes do río Tambre. A finalidade da lagoa era múltiple: dotar de regadío aos cultivos e canles que fornecían os muíños, propiedade dos monxes, e de auga corrente ás cociñas do mosteiro, así como servir de viveiro de troitas para abastecer de alimentos aos propios monxes e a outros cenobios da zona, especialmente na Coresma. De forma case circular, comprende unha superficie de 10 ha cunha profundidade variable entre 1,5 m e 4,5 m. En 1992, a Sociedade Galega de Historia Natural firmou un acordo de custodia da lagoa cos seus titulares, os monxes de Sobrado e, en 2010, cedeuse a propiedade á Fundación Fragas do Mandeo, como parte da súa dotación fundacional.

 

Hora e lugar de encontro: ás 15.30 h, na praza do Concello

Duración: 2 h aprox.

Distancia: 6,5 km

Dificultade: baixa

Capacidade máxima: 50 persoas 

Inscrición: do 6 ao 8 de setembro en actividades@espazossonoros.org 

 

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol e un impermeable por se chove
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

Visita ao Dolmen de Dombate e o Castro de Borneiro

Sábado 17 de setembro, 12.00 h (encontro no centro de recepción de visitantes) 

Como complemento á xornada musical que terá lugar xunto ao Dolmen de Dombate, daremos un paseo por estas terras privilexiadas pola relevancia dos seus xacementos arqueolóxicos, para mergullarnos nas culturas megalítica e castrexa, cunha visita contextualizadora, tanto ao referido Dolmen, como ao veciño castro de Borneiro. 

Este último, tamén coñecido como A Cibdá, constitúe un dos xacementos máis representativos da cultura castrexa galega. Trátase dun castro habitado entre os séculos VI a.C. e I d.C., descuberto en 1924 por Isidro Parga Pondal e Ciriaco Pérez Bustamente e escavado en varias fases entre 1932 e os anos noventa, presentando na actualidade escavadas as tres cuartas partes da croa. Entre as construcións escavadas, na súa maioría de planta circular ou alongada, destaca, na zona leste, no chamado barrio de extramuros, un monumento con forno do que se conserva a “pedra formosa“, que podería ser unha sauna ou fundición.

 

Programa da xornada

Hora e lugar de encontro: 12.00 h en Dombate, xunto ao centro de recepción de visitantes. Alí faranse dous grupos para a visita ao Dolmen e o concerto de Abraham Cupeiro, e a visita a Borneiro. 

14.30-16.30 h, xantar libre  

16.30 xuntanza en Dombate. Alí dividiranse novamente os dous grupos para a visita ao Dolmen e o concerto de Abraham Cupeiro, e a visita a Borneiro.

Desprazamentos: os desprazamentos até o castro de Borneiro faranse desde o centro de acollida a visitantes de Dombate, nos vehículos particulares

Dificultade: baixa, a subida ao castro non presenta especial dificultade

Capacidade máxima: 60 persoas
Inscrición: do 13 ao 15 de setembro, en actividades@espazossonoros.org 

 

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol e un impermeable por se chove
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño 

Ruta polas terras rosalianas

Domingo 18 de setembro, 15.30 h 

Ás 19.00 h, concerto do Austrian Baroque Company na igrexa de San Xiao de Bastavales, Brión (A Coruña) 

Este pequeno percorrido circular levaranos desde a emblemática igrexa de San Xiao de Bastavales, até a pequena ermida de San Salvador, edificio construído en 1737 sobre unha edificación anterior, románica, da que queda parte da capela maior. Pasaremos tamén pola aldea de Bemil para contemplar o seu  cruceiro, un dos máis relevantes do concello de Brión, que se mantén vivo aínda na devoción dos veciños, que adoitan pendurar espigas de millo dos brazos do San Lourenzo. De volta, deterémonos nos diferentes elementos do fermoso conxunto do adro e igrexa de San Xiao, a capela de nosa Señora do Carme, un dos primeiros santuarios galegos baixo a advocación desta virxe, as dúas fontes, os reloxos de sol ou o calvario.

Hora e lugar de encontro: ás 15.30 h, no campo da festa en Bastavales

Duración: 2 h aprox.

Distancia: 7 km

Dificultade: baixa

Capacidade máxima: 50 persoas 

Inscrición: do 13 ao 15 de setembro en actividades@espazossonoros.org 

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol e un impermeable por se chove
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos