Sábado 17 de setembro, 12.00 h (encontro no centro de recepción de visitantes)
Construtor e multiinstrumentista, Abraham Cupeiro é un virtuoso e poliédrico artista de formación clásica que pasea con soltura por diferentes estilos musicais, desde o folk até o jazz ou a música antiga. O seu proxecto, Os Sons Esquecidos, representa unha viaxe no tempo á procura das fontes primixenias para fundilas coa contemporaneidade e crear así un discurso novo e sorprendente. Nel, poderase escoitar o karnyx, instrumento de guerra reconstruído a partir dunha moeda romana, canda instrumentos tradicionais que o músico foi atopando nas súas viaxes ao longo dos anos, instrumentos renacentistas e barrocos ou da orquestra moderna, extraéndoos do contexto para o que foron concibidos na busca de sons que resoan no noso interior e na natureza.
Nesta ocasión preséntase en concerto xunto coa arpista Alba Barreiro, música que procede tamén da escena clásica, ámbito no que se formou como pianista e arpista, desenvolvendo paralelamente un intenso traballo como intérprete de música tradicional.