MÚSICA VOCAL E DANZAS PARA CONXUNTO DE MENESTREIS E ÓRGANO
Domingo 11 de setembro, 19.00 h
Obras de Cabezón, Correa, Luis de Milán, Peñalosa ou Willaert, entre outros.
No espazo da igrexa do mosteiro de Santa María de Sobrado, teremos oportunidade de volver a escoitar uns sons perdidos no tempo, para rescatar a esencia do que eran os conxuntos de menestreis, unha formación musical que combinaba o órgano coa corneta, sacabuxa, chirimía, baixón e baixonciños, todos eles instrumentos de vento habituais nas capelas musicais entre o século XV e mediados do XVIII. Os Menestreis de Marsias, unha formación especializada na interpretación de música española, instrumental e vocal do Renacemento e Barroco, serán os encargados de revivir estes ambientes musicais e sonoridades que outrora se escoitaban nas nosas catedrais, colexiatas e mosteiros, sen esquecer un elemento fundamental que era o órgano, nesta ocasión interpretado por un dos máis reputados organistas da Península, Javier Artigas.
O programa aborda pezas de gran beleza, do repertorio vocal, tanto relixioso como profano, música instrumental para tecla e música de danza, xénero este último que era tamén habitual escoitar nas igrexas, en ocasións especiais.