Espazos Sonoros

Músicas en espazos de interese cultural

 

Do 1 de setembro ao 6 de outubro, durante algo máis dun mes, todas as persoas interesadas no coñecemento do noso patrimonio monumental e na experiencia das músicas de raíz e da tradición culta terán a oportunidade de gozar de Espazos Sonoros. Un programa que inclúe propostas do máximo interese cultural en lugares, en moitas ocasións, pouco coñecidos para o gran público e, en todos os casos, merecentes de ser visitados. 

Este ano continuamos a facer visibles e traballar na posta en valor de sitios patrimoniais magníficos das nosas catro provincias. Desta volta, Espazos Sonoros achégase á capela do antigo instituto-escola da Fundación Fernando Blanco de Lema, ás igrexas de Santa Liberata, Santo Estevo de Chouzán, Santa María de Penamaior e San Miguel de Lebosende, ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, ao pazo de Faramello e á catedral de Tui. 

Oito espazos monumentais extraordinarios para construír unha experiencia de acceso cultural única. Unha vivencia que se afinca, nin máis nin menos, sobre o máis efémero e sublime que temos, como é a interpretación ao vivo dunha selecta escolma do repertorio musical europeo e occidental, para falármonos da nosa tradición, paisaxe e identidade. 

Así mesmo, cómpre lembrar que estamos diante dun proxecto que foi distinguido o pasado 2018 co certificado de Boa práctica de Xestión Cultural en Galicia. Un programa, polo tanto, recoñecido polos propios profesionais do sector na nosa Comunidade neste caso, pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, debido á súa calidade e nivel de excelencia en diversos criterios como a innovación, a efectividade, a exemplaridade e a transferibilidade. 

Tendo en conta todo o anterior e o valioso do conxunto da oferta, só me queda convidalo ‒prezado lector‒ a que goce e participe desta duodécima edición de Espazos Sonoros, que nos achega a nosa paisaxe histórica e as nosas raíces musicais con intelixencia interpretativa e sensibilidade artística.

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura e Turismo

“Sería absurdo crer que a ignorancia fundamental pode favorecer a eclosión da personalidade. Aprender e saber súmanse aos sentimentos puramente intuitivos das persoas que aman espontaneamente a música” (Nadia Boulanger).

Encarando a segunda década do século XXI semella xa covarde, desde a humilde parcela que nos corresponde ás persoas dedicadas aos labores da chamada mediación e xestión da cultura, non afrontar sequera algúns dos retos que, como sociedade, nos toca arrostrar na busca do noso propio lugar nun mundo globalizado e en continuo cambio. Un mundo complexo e, por veces, hostil, no que non debemos, a pesar de todo, renunciar ao progreso en harmonía co propio, co veciño e co medio.

E así, unha edición máis, velaí o noso empeño por botar unha nova e curiosa ollada ao mundo, coas súas contradicións e conflitos, que semellan de vez irresolubles, cunha vontade de abrir as mentes e contribuír á superación de barreiras, da confrontación e polarización na que nos enleamos no día a día. Como sempre, a música será o noso mellor pretexto para achegar ese saber que fornecerá a intuición da que fala Nadia Boulager. E así, iniciaremos outro percorrido de seis semanas por elementos emblemáticos da nosa xeografía, que nos transportará ademais a outras paisaxes, na busca da fascinación polo novo e descoñecido, sen deixar de atopar a identidade no propio e máis próximo e sen caer, por iso, nunha estéril autocompracencia, arelando sempre ese grao maior de excelencia que nos temos marcado como fin. 

Espazos Sonoros cumpre a súa duodécima edición, cun novo programa de músicas, arroupado, como sempre, por numerosas actividades en íntima conexión coa propia música e cos espazos que a acollen. Será unha viaxe na que, novamente, trataremos de manter esa ollada crítica coa que nos achegarmos ao noso patrimonio, á nosa memoria, ao que conservamos e tamén ao que se perdeu para sempre. Un grao de area máis na busca dunha universalidade que non debe implicar nunca desarraigamento. Toda unha oferta de momentos que xustificará, ademais, o estarmos desconectados de calquera cousa, entregados ao gozo exclusivo da música e os seus silencios.

Belén Bermejo López

Directora artística do festival Espazos Sonoros

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos