Teatro Cine Alfonsetti

Sábado 12 de setembro, 19.00 h, Das Kolorit.
Coñece o teu patrimonio. Ás 16.00 h, percorrido polo Betanzos monumental.

Teatro-Cine Alfonsetti, Betanzos

Trátase dun espazo situado na praza Irmáns García Naveira, no corazón do concello de Betanzos, e integrado no que fora o antigo convento de San Domingos, abandonado tras a desamortización. En 1843 estaba prevista a súa demolición, iniciativa que sería freada pola mediación da Confraría de Ánimas, grazas á cal a igrexa abriría de novo ao culto, mentres que as dependencias do convento pasarían a ter diferentes usos. 

O nome do teatro débese ao seu impulsor, o valenciano Mariano Alfonsetti García, militar que desenvolveu parte da súa carreira en Cuba até que regresou a España en 1881 e foi destinado ao Batallón de Betanzos, onde ficaría até 1884. Afeccionado ao teatro, fundou na cidade, ao pouco de chegar, unha Sección de Declamación, para o que lle solicitou ao Concello a cesión dun local para os ensaios dun pequeno grupo de teatro. O espazo concedeuse en 1882 no que fora o refectorio do convento e, daquela, comezou a funcionar como teatro. Xa baixo a xerencia da familia Pita, a encargada de confeccionar o tradicional globo de Betanzos, comezaría o seu uso como sala de cine. A primeira proxección que se fai no Teatro-Cine Alfonsetti ten lugar 1897, se ben con anterioridade se fixeran xa nel espectáculos precinematográficos con aparellos ópticos e escénicos como o tamátropo, o fantascopo, o zoótropo, así como espectáculos de sombras chinesas.

Como sala de cine, o Alfonsetti pasa por ser a máis antiga de España. Ao longo da súa historia sufrirá varios incendios e reformas nas que traballaron destacados arquitectos. Así, a comezos do século XX, Pedro Marino proxecta unhas obras para instalar un chan de madeira que permitía variar a inclinación en función do tipo de actividade que se desenvolvese no local, baile ou representación. Posteriormente, encárganse obras a Rafael González Villar, que proxectou incluso unha fachada nova para o edificio e levou a cabo a ampliación do número de localidades. Antonio Tenreiro modifica en 1952 a estética do cine para darlle a imaxe coa que chegaría a finais de século. A última das obras, promovida pola Deputación, entrado xa o presente século, deixaría o local co seu aspecto actual. O espazo é, a día de hoxe, de titularidade municipal e funciona como centro cultural.