
Sábado 12 de setembro, 19.00 h, Teatro-Cine Alfonsetti, Betanzos.
Coñece o teu patrimonio. Ás 16.00 h, percorrido polo Betanzos monumental.
Das Kolorit
L’ARTE DI PASSEGGIARE
Jaume Guri Batlle, violín
Sophia Schambeck, frautas de bico
Mariona Mateu Carles, violón
Leon Serafin Jänicke, tiorba e guitarra barroca
Rosalía Gomez Lasheras, clave
Obras de Frescobaldi, Falconieri, Ortiz, Merula ou Francesca Caccini, entre outros
Do termo italiano passeggiare, que significa ‘pasear, deambular sen destino fixo, xeralmente cun propósito recreativo e de observación’, deriva, en música, o termo passeggio, unha técnica amplamente empregada na música renacentista para ornamentar cancións coñecidas con improvisacións e virtuosos floreos. Así, o programa de hoxe, “paseará” a través de animadas danzas do sur de Europa, dos séculos XVI e XVII. Para iso, xunto co bailarín e musicólogo Olivier Foures o grupo desenvolve un formato de concerto orixinal, que explora o concepto do passeggio como movemento e ao tempo técnica de composición. Aínda que esta música teña xa 400 anos de antigüidade, resoará en concerto cun estilo fresco e renovado a través dunha coidada, accesible para quen ouve, e inspiradora instrumentación.
Cofundado pola galega Rosalía Gómez Lasheras, recoñecida pianista e intérprete de instrumentos antigos de tecla, Das Kolorit é un grupo especializado na interpretación, con instrumentos históricos, de música de cámara virtuosa, que explora novas sonoridades e perspectivas para un entendemento diferente da música clásica e crea unha atmosfera de concerto vibrante, na que se percibe toda a emoción que os artistas tratan de transmitir.
