Eco Museum Forno do Forte

Domingo 27 de setembro, 19.00 h, Dúo Abeiro.
Coñece o teu patrimonio. Ás 12.00 h, O Forno do Forte: barro, oficio e tradición

Ecomuseo Forno do Forte, Malpica

Situado na parroquia de Santo Estevo de Buño, o conxunto etnográfico do Forno do Forte está conformado por un grupo de antigas casas de persoas que desenvolvían o oficio da olaría. O complexo contaba con vivendas, obradoiro, forno, hórreo e o cabanote, un alboio para o almacén de leña, barro e utensilios de labranza; e foise conformando ao longo dos séculos XVIII-XIX a partir dunha vivenda agrícola que cambiou de función para que nela se asentasen familias dedicadas á olaría. 

Buño, como centro oleiro, mantivo ao longo da historia unha intensa actividade no traballo do barro debido á existencia neste lugar dun depósito de arxila de moi alta calidade arredor do que se foi desenvolvendo unha industria oleira. O xacemento, situado a dous quilómetros da vila, leva o nome de Couto dos Barreiros. A actividade oleira en Buño remóntase probablemente á antigüidade e o traballo da olaría aparece xa recollido na documentación municipal como oficio tradicional desde o século XVI. Do século XVI son tamén as referencias que documentan que, de tornos de mestres da vila, saíron os canos de barro vidrado que se empregaron para a canalización das augas da traída da Coruña. En Buño, unha gran parte da poboación tivo, ao longo do tempo, algunha relación coa olaría. No catastro de Ensenada de 1753 figuran na vila 63 obradoiros nos que traballaban uns 70 oleiros e, arredor das pezas cerámicas saídas destes talleres, desenvolveuse un importante comercio. Sería xa no século XX, alá polos anos 40, cando o sector entra en crise, en parte polo éxodo ás cidades, pero tamén como consecuencia da emigración, pois xa non era posible vivir da olaría.

O Forno do Forte foi rehabilitado para uso museístico en 1999 pola Deputación da Coruña e pasou a formar parte do patrimonio provincial e ser xestionado, na actualidade, polo Concello de Malpica. O museo permite retroceder no tempo e adentrarse no que foi a vida tradicional das persoas que se dedicaron á olaría en Buño e achegarse aos saberes relacionados con este oficio. Nel pódense visitar as casas dos oleiros, de estrutura funcional e con dúas plantas. No andar inferior dispúñase a cociña e o obradoiro de cerámica e, no superior, estaba o dormitorio e o fumeiro ou secadoiro de pezas.

O impresionante forno cerámico que aínda se conserva no interior do conxunto, entre as vivendas, o hórreo e o cabanote, é o último forno comunal construído en Buño. Nel  coceríase con regularidade até os anos 60, momento no que comezou a reducir a súa actividade até parar definitivamente nos anos 70 do século XX.