Grupo de música antiga 1500

Sábado 3 de outubro, 19.00 h, igrexa de San Nicolao de Cis, Oza Cesuras. Coñece o teu patrimonio. Ás 16.00 h, visita contada por Quico Cadaval á igrexa de Santa María de Cuíña

Grupo de música antiga 1500

LAUDATIO FUNEBRIS- CINCO PRANTOS PARA UN REINO

Tobie Miller, canto e frautas
Belén Bermejo, canto e percusión
Berta Ares, fídula
David Bellas, gaitas e frautas
Andrés Díaz, cítola, arpa, frautas e dirección

Que significaba morrer na Idade Media? Os prantos, un xénero literario moi estendido ao longo do período medieval —algúns deles escritos en galego-portugués—, dan mostra dun conxunto de prácticas culturais moi arraigadas na cultura medieval, nas que a morte non era só un feito biolóxico, senón tamén un acto social, político e artístico.

O programa do Grupo 1500 aborda precisamente os cinco prantos que, de xeito máis ou menos directo, teñen relación coa historia do Reino medieval de Galicia. Infelizmente, a meirande parte deles non conservan a música; de aí que o concerto non consista só na interpretación dunhas obras xa coñecidas, senón que lle achega ao público un laborioso traballo de creación. Nalgúns casos, mediante a adaptación de melodías medievais existentes aos textos dos prantos, noutros, mediante a creación de novas melodías ao estilo das que se cantaban naquela altura. Desta maneira traerase ao presente un repertorio poético directamente vinculado coa Galicia medieval, moi pouco coñecido e cantado en diferentes linguas, entre elas o galego, pero tamén o occitano ou o latín. 

O programa forma pare dun proxecto galardoado co primeiro premio, na edición 2025, do Certame Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia da Deputación da Coruña.

grupo1500.es