
Sábado 5 de setembro, 20.00 h, San Tomé de Monteagudo, Arteixo.
Coñece o teu patrimonio. Ás 18.00 h, visita guiada á igrexa de San Tomé de Monteagudo.
Le Miroir de Musique
ARS TROBAR ITALICA – O LEGADO DOS TROBADORES NA ITALIA MEDIEVAL
Miriam Trevisan, soprano
Jacob Lawrence, tenor, fídula
Baptiste Romain, fídula, gaitas e dirección
O conxunto Le Miroir de Musique, especializado na música de transición entre a Idade Media e o Renacemento, pertence a unha nova xeración de intérpretes de música antiga nacida arredor da prestixiosa Schola Cantorum Basiliensis. Dirixido por Baptiste Romain, o seu traballo pon especial atención na procura dun son pleno e nunha comprensión matizada da intención musical orixinal e explora, ao tempo, diversas formas de virtuosismo instrumental. A imaxe do “espello musical” está tomada do tratado Speculum musicae de Jacobus de Liexa e reflicte a vontade de ofrecer unha visión viva dos repertorios que se interpretan, sempre desde o espírito das fontes orixinais.
Este programa explora como a poesía e a arte de trobar occitana perduraron na Italia medieval, traspasando fronteiras lingüísticas e culturais. Trobadores lendarios como Bertran de Born, coa súa ardente poesía política, Folquet de Marsella ou Arnaut Daniel —mestre da sutileza poética e eloxiado polo propio Dante— reviven a paisaxe sonora dunha tradición poética compartida á que se unen composicións italianas procedentes de fontes como o Codex Rossi, e que dan testemuño da influencia duradeira da poética trobadoresca no nacemento da canción en lingua vernácula en Italia.
