
Sábado 19 de setembro, 16.00 h.
Ás 19.00 horas, concerto de Reïna Lupa no Santuario de Nosa Señora da Laxe
Pequeno percorrido polos muíños do río das Gándaras, Vilasantar
O paseo propón un pequeno percorrido por un treito da ruta do rego das Gándaras, á beira dun dos afluentes do Tambre. Ao longo deste atópase un impresionante conxunto de elementos etnográficos relacionados coa enerxía hidráulica, que tiveron grande importancia para o desenvolvemento da economía local, entre os que se encontran antigos muíños e un batán.
O sendeiro atravesa unha vizosa vexetación de ribeira, con salgueiros, bidueiros e abeleiras, e pasa por unha fermosa fervenza de gran beleza paisaxística. O percorrido comezará na igrexa románica de Santa María de Mezonzo desde onde baixaremos cara ao río para visitar unha central hidroeléctrica, os muíños da Mera, o do Crego, o do Batán e o batán de Mezonzo, unha instalación que servía para a compactación de tecidos grazas a dous mazos que se movían alternativamente pola acción da auga, batendo o pano para o seu entorpado.
O batán de Mezonzo sitúase no lugar do Batán, a carón dun salto de auga que se forma no río das Gándaras, moi próximo á súa desembocadura no Tambre. Forma parte dun conxunto de construcións entre as que se atopan tamén un muíño e un antigo mazadoiro de liño. A súa historia parece estar vencellada ao que foi o mosteiro de Mezonzo, que data de finais do século XII, e crese que foron os propios monxes os que o construíron. Estivo en funcionamento até o ano 1954.
Hora e lugar de encontro: 16.00 h, na igrexa de Santa María de Mezonzo
Coordenadas GPS: 43.06049, -8.134121
Duración: 2 horas aprox.
Distancia: 4,5 km
Dificultade: media-alta
Capacidade máxima: 70 persoas
Inscrición: do 15 ao 17 de setembro en actividades@espazossonoros.org
