Grupo Reïna Lupa

Sábado 19 de setembro, 19.00 h, Santuario de Nosa Señora da Laxe, Vilasantar.
Coñece o teu patrimonio. Ás 16.00 h, pequeno percorrido polos muíños do Río das Gándaras, Vilasantar

Reïna Lupa

MONTEVERDIANA- MADRIGAIS E MOTETES NO TEMPO DE MONTEVERDI

Alison Lau, Yerin Mira, sopranos
Javier Lupiáñez, Belén Sancho, violíns
David Mackor, tiorba
Cassandra Lukhardt, viola da gamba
Enrique López-Cortón, clave e dirección

Durante as primeiras décadas do Seicentoitaliano, o canto solista irase impoñendo progresivamente fronte á polifonía. A música simplifica a súa estrutura, centrada no baixo continuo e na melodía, mentres o italiano substitúe o latín e os temas mundanos e mitolóxicos gañan protagonismo. Neste contexto, o madrigal convértese na forma secular por excelencia, que acada o seu cumio na obra de Claudio Monteverdi.

O programa propón unha selección de madrigais e motetes para voz solista e dúo, xunto a obras de importantes compositores da vida musical veneciana como Alessandro Grandi ou Heinrich Schütz, o que configura un percorrido no que dialogan intimidade e grandeza, sensualidade e unha elevación expresiva propias do primeiro Barroco.

Fundado e dirixido polo cantante, clavecinista e organista Enrique López-Cortón, músico coruñés que desenvolve unha frutífera carreira nos Países Baixos, Reïna Lupa é un ensemble de recente creación, con base en Ámsterdam, no que conflúen intérpretes de excepcional talento e diversas procedencias. O grupo pon un especial coidado no traballo de investigación para uns programas elaborados a partir dos criterios históricos máis actuais. A súa proposta busca establecer unha relación directa e viva co público contemporáneo e presenta estas músicas con autenticidade histórica para devolverlles a súa forza comunicativa no presente.

reinalupa.nl