San Nicolao de Cins

Sábado 3 de outubro, 19.00 h,Grupo 1500.

Coñece o teu patrimonio. Ás 16.00 h, visita contada por Quico Cadaval á igrexa de Santa María de Cuíña.

San Nicolao de Cis, Oza Cesuras

No concello de Oza Cesuras atópase unha igrexa relativamente descoñecida do noso patrimonio arquitectónico, e que é, sen dúbida, o edificio relixioso de máis interese no concello. Trátase da igrexa de San Nicolao de Cis, que formaba parte do antigo mosteiro de San Salvador, un dos poucos exemplos de templo de estilo oxival con tres naves de Galicia.

O mosteiro foi fundado cara a fins do século IX polo nobre Aloitio e a súa esposa Paterna como mosteiro familiar dúplice. Os descendentes destes nobres foron favorecendo o mosteiro e doáronlle igrexas, aldeas e mesmo o mosteiro de Santa Baia da Espenuca en 1063, que funcionou desde entón como priorado de San Salvador. Con posterioridade pasou á poderosa familia dos Traba e deixou de ser dúplice tras un preito entre Pedro Froilaz de Traba e o abade Nuño, no que tivo mesmo que mediar o papa Pascual II. Suponse que durante o século XII o mosteiro pasou a adoptar a regra de san Bieito, e será xa nos anos 60 do século XIV cando comece a edificación da actual igrexa, que se remataría a fins dese século coa axuda de Fernán Pérez de Andrade, o Boo

Coa reforma dos mosteiros galaicos decretada polos Reis Católicos, e tras un breve período que funcionou como abadía, o mosteiro foi anexionado ao mosteiro compostelán de San Martiño Pinario e quedou reducido a priorado deste mosteiro ata a desamortización de Mendizábal no ano 1836, cando se transformou en igrexa parroquial baixo a advocación de san Nicolao.

O templo, que como dixemos foi construído a finais do século XIV, é bastante amplo e ten tres naves e tres ábsidas poligonais, con planta basilical. As ábsidas, no seu deseño, recordan as das ordes mendicantes, os franciscanos e dominicos, que por esas mesmas datas estaban a construír os seus templos nas vilas galegas, por exemplo na próxima Betanzos. Os capiteis do interior están decorados con diversas escenas da Anunciación, e feitos da vida de Xesús. Destaca especialmente un, ao lado do arco triunfal, onde se representa unha psicomaquia, é dicir, unha loita interior da alma. Disque é unha representación única na arte galega. Neste caso, a loita entre o Vicio e a Virtude simbolízase mediante o combate duns animais (xabaril e león) contra unhas damas armadas con espadas e co escudo dos Castro, primeiros promotores da reedificación da igrexa. No exterior tamén son destacables os tímpanos das portas. O da principal representa o Salvador, que amosa as chagas das mans, xunto con san Bieito e san Bernardo (ou san Nicolao, segundo outros estudosos). O da porta lateral representa a Epifanía ou Adoración dos Reis Magos, un tema recorrente no gótico galego. No exterior tamén destacan, tanto no testeiro coma na fachada principal, dous rosetóns de mérito, ademais dun ciborio a catro augas que sobresae lixeiramente en altura.