Santo Tomé de Monteagudo

Sábado 5 de setembro, 20.00 h, Le Miroir de Musique.
Coñece o teu patrimonio. Ás 18.00 h Visita guiada á igrexa.

San Tomé de Monteagudo, Arteixo

O que foi mosteiro beneditino de San Tomé de Monteagudo está situado nunha das parroquias do extremo suroeste do concello de Arteixo. Trátase dun exemplo do románico galego rural, tanto polas súas dimensións como pola súa planta basilical. A xulgar pola presenza de arcos apuntados e pola decoración nos capiteis, crese que a construción se realizou nas décadas iniciais do século XII. Do mosteiro consérvanse escasos documentos, os máis temperáns refírense ao lugar co nome de Monteacutum. Un destes documentos, datado en 1154, fai referencia a unha doazón de Afonso VII. Nel atribúeselle a fundación do cenobio ao bispo Sisnando. Outra mención recóllese nun documento de 1199, unha manda testamentaria de dona Urraca Fernández, filla do conde galego Fernando Pérez de Traba, o que permite deducir que no século XII o mosteiro gozaba xa de certa importancia.

Durante o proceso de centralización das ordes relixiosas en Galicia, no século XV, pasou a ser un priorado dependente de Santiago de Mens e, posteriormente, anexionado a San Martiño Pinario, até que pasou a depender da Colexiata de Santa María do Campo, na Coruña, por unha permuta entre este mosteiro e o de Santa María de Cambre. As dependencias monacais atopábanse na fachada sur e a comezos do XVII aínda se conservaba o claustro en ruínas, segundo consta nun documento de 1627.

Foron moitas as transformacións que sufriu o deseño orixinal, como a reconstrución da fachada occidental ou a adhesión dunha sacristía e dun soportal na fachada sur. A igrexa, de planta basilical, ten tres naves e tres ábsidas semicirculares na cabeceira, a central de maiores dimensións. Os muros da nave articulábanse orixinariamente con cinco contrafortes. No muro setentrional consérvanse catro deles, ao ser eliminado o quinto coa substitución da fachada románica pola actual. Entre o segundo e o terceiro atópase unha porta cegada na que se percibe aínda o seu trazado de medio punto. Na fachada meridional aínda se conserva a porta, tamén cega, que daba paso ás dependencias monacais. O edificio tiña un campanario independente pero acaroado na zona sur da cabeceira, algo frecuente no románico, que foi substituído pola espadana na fachada. As pedras do xa maltreito campanario foron utilizadas no século XVII para construír a igrexa dos Agostiños de Caión.

Na parte traseira da igrexa atópase un interesante cruceiro con plataforma cúbica coa figura da custodia e un altar acaroado. A cruz é circular e leñosa con nós. No reverso  represéntase a Cristo crucificado con tres cravos e as mans pechadas, con coroa de espiñas e pergamiño coas siglas INRI. Polo reverso da cruz fica a Virxe en actitude orante, cos dedos das mans entrelazados e sobre unha peaña na que asoma un anxo alado.