Santiago da Pobra do Deán

Sábado 26 de setembro, 20.30 h, Sara Ruiz.
Coñece o teu patrimonio. Ás 17.00 h, A Pobra de Valle-Inclán: un paseo entre historia e literatura

Igrexa de Santiago da Pobra do Deán, A pobra do Caramiñal

No corazón da Pobra do Caramiñal érguese a igrexa de Santiago, construída entre finais do século XIV e comezos do XVI. Garda similitudes con outras igrexas como a de San Martiño de Noia, nun estilo que xa avanza cara ao Renacemento, cunha soa nave de bastante amplitude e ábsida poligonal. Non hai constancia certa da fundación dunha parroquia neste lugar, que debeu producirse nalgún momento ao longo da Idade Media, arredor dunha poboación de pescadores, de aí o nome de “Pobra”. Este lugar era de xurisdición eclesiástica, ligado ao deán da catedral de Santiago, polo que o nome do concello que se formou a partir deste núcleo foi o da Pobra do Deán. Até o século XIX sería concello independente xunto ao veciño do Caramiñal, que neste caso era de xurisdición señorial, vencellado á familia dos Xunqueiras.

A primitiva parroquia debeu segregarse da de Postmarcos, a escasos tres quilómetros ao norte e un pouco máis cara ao interior. Esta non é outra que a antiquísima parroquia de Pestemarcos, xa citada no famoso Parroquial suevo (séculos V-VI), dependente da sé de Iria Flavia. Mais dunha posible fábrica románica anterior nada queda e a actual igrexa, como se ten dito, constrúese a finais da Idade Media sobre os restos dun primitivo castelo pertencente ao deán de Santiago que fora destruído nas revoltas irmandiñas no ano 1457.

O exterior do templo é relativamente austero e, entre os elementos máis destacables, atopamos a citada ábsida poligonal, de finais do século XIV, e algunhas esculturas de interese. Entre elas, podemos sinalar, na fachada, a de Santiago peregrino, canda Santa María, Santa Catarina de Alexandría, San Pedro e San Paulo. Na parte superior, chama a atención a presenza de dous músicos, de estilo barroco, un deles tocando unha guitarra. En contraste co exterior, o interior é de gran riqueza. A nave central está flanqueada por sete capelas laterais, entre as que destaca, de xeito sobranceiro, a Capela de Alba, do século XVI. Esta capela contén tres magníficos retablos pétreos. O da esquerda orbita arredor da figura de María Inmaculada, patroa da Confraría dos Clérigos da Concepción, cunha mensaxe arredor da morte. Pola súa banda, o Ecce Homo do retablo central e o altar oposto contrapóñense a esa idea por medio da Paixón e Resurrección de Cristo, de xeito que, en palabras do estudoso Xoán Manuel Neira Pérez, a capela é “un canto á vida fronte á morte”. O resto das capelas albergan outros interesantes retablos e imaxes barrocas, entre as cales sobresae a figura do Nazareno, fronte á Capela de Alba, cuxo culto congrega milleiros de persoas de todo o territorio galego o terceiro domingo de setembro, o que converte o templo nun dos grandes focos de devoción popular de Galicia.