Sargfabrik, Penzing, Viena

A Sargfabrik é unha antiga fábrica vienesa de cadaleitos fundada durante a época imperial, a finais do século XIX, e activa até os anos 70 do século XX, que hoxe é un centro de referencia da cultura vienesa. Situada no distrito 14, forma parte dun complexo residencial pioneiro que viu a luz en 1996; un proxecto ideado sobre a base dun sólido compromiso social, sostible na arquitectura e innovador, na procura doutras formas de convivencia urbana. O macabro contraste entre as connotacións do solar e unha proposta que se presentaba como alternativa aos modelos convencionais de vida, non freou as aspiracións das persoas promotoras. A idea de base invertía os termos: de fábrica de féretros a fábrica de vida no comunitario e no cultural.

Do antigo edificio consérvanse partes orixinais, como os cimentos e a cheminea. Os sotos da sala de concertos son os orixinais da fábrica e alí fican aínda algúns cadaleitos. Os edificios pintáronse da cor laranxa dos ladrillos da antiga factoría, o que avanza unha diferente maneira de entender este novo complexo residencial. O que podía ter quedado en experimento social converteuse nun proxecto urbano con aspiracións sociopolíticas e culturais. Xunto ás vivendas, fóronse incorporando espazos compartidos para a cultura, o encontro e a vida diaria: salas de conferencias, biblioteca, cafetería, zonas verdes, hortas e xardíns nos tellados, nos que tamén ten lugar un festival de música. Non se trata de vivendas ao uso, senón dunha comunidade viva onde todas as persoas se coñecen e onde se dispón de múltiples servizos compartidos. A sala de concertos ten unha intensa programación propia, ademais de eventos externos. Todo isto sitúase dentro da liña curatorial que marca a casa: unha proposta aberta e multicultural. Lonxe física e conceptualmente dos circuítos culturais oficiais vieneses, o local ten un público consolidado e é xa lugar de referencia, cun programa estable de alto nivel. No ano en que se celebran os trinta desde a apertura do primeiro bloque de vivendas da Sargfabrik, esta emblemática sala acolle o festival Espazos Sonoros nun serán no que dous proxectos culturais, cunha liña de traballo próxima e afín, se atopan para compartir co público vienés unha maneira de facer cultura que, desde o noroeste atlántico, conecta pensamento, identidade e territorio.

sargfabrik.at