Mosaico Serán

Xoves 8 de outubro, 19.30 h, Sargfabrik, Penzing, Viena
Unha colaboración entre Espazos Sonoros e a Sargfabrik

Un serán galego en Viena (Galicische Nacht in Wien)

MÚSICA GALEGA ENTRE MEMORIA, VANGARDA E EXILIO


Aliona Kalechyts-Pietrowskaja, violín e voz
Belén Bermejo, canto e percusións
David Bellas, frautas, asubíos e gaita
Nuno Estévez Pazó, acordeón
Desiree Wöhrer, viola da gamba, frauta 
Andrés Díaz Pazos, vihuela, guitarra renacentista, cítola e frautas

A serie Serán Galego en Viena naceu hai tres anos coa idea de difundir a música, a lingua e a literatura galegas nesta cidade e estreitar lazos culturais coa capital austríaca. O primeiro serán estivo dedicado á poeta Luísa Villalta, que foi traducida ao alemán e recitada nun acto, tamén musical, polas poetas Eva Veiga e Lisa Furtner. O segundo estivo dedicado á lírica galega de tradición oral e ás músicas recollidas nos cancioneiros populares, con especial atención ás recompiladas e transcritas por Dorothé Schubarth, cuxo legado foi ademais depositado a comezos dos anos noventa no Arquivo Fonográfico Austríaco. A realización destes dous seráns fíxose a través dunha liña de colaboración entre o Festival Espazos Sonoros e o ViertelBarock Festival Wien, e puxo tamén o foco na difusión do patrimonio provincial coruñés entre o público vienés.

En 2026 refórzase esta liña de cooperación con institucións da capital austríaca para organizar un concerto arredor da música galega entre a vangarda, a tradición e o exilio, arredor da figura do compositor, etnomusicólogo e investigador Jesús Bal y Gay. A través do legado musical deste autor achegarémonos á música tradicional galega, á que lle dedicou grande parte do seu traballo, pero tamén á súa produción propia e ás súas conexións coas vangardas europeas. Centrarase especialmente a ollada no esforzo que Bal y Gay puxo en acadar, a través da música, unha universalidade que permitise a Galicia entrar nas principais correntes europeas do primeiro terzo do século XX.

O programa abordará obras do propio Bal y Gay, pezas tradicionais galegas incluídas no seu cancioneiro —algunhas delas informadas por Castelao— e pezas do século XVI transcritas por el mesmo. Visibilizarase así a cultura galega desde unha óptica menos coñecida, a través dun concepto musical que conxuga a tradición con aspiracións de universalidade, e que se centra nun contexto cultural —o da Segunda República— no que o autor foi tamén protagonista. A música e a lingua galegas atoparán novamente, neste espazo dos seráns, o seu lugar como manifestacións culturais autorreferenciadas, nun contexto cultural e musical de grande altura como é a cidade de Viena.

O concerto terá lugar na Sargfabrik, unha antiga fábrica de cadaleitos fundada durante a época imperial, a finais do século XIX, da que se conservan partes orixinais e que hoxe é un centro de referencia da cultura alternativa vienesa.