Sobre o Festival

Música e patrimonio

Espazos Sonoros é unha iniciativa que naceu en 2008 coa vontade de unir música e patrimonio histórico ao longo da xeografía galega. Desde os seus inicios procurou tender pontes entre diferentes linguaxes artísticas, desde a música clásica e antiga ata a música de raíz, a danza ou a creación contemporánea, entendendo os xéneros non como categorías pechadas senón como territorios en interacción constante.

Ao longo da súa traxectoria, o festival reuniu formacións galegas emerxentes e formacións internacionais consolidadas, favorecendo a súa convivencia en contextos compartidos e prescindindo de etiquetas ou xerarquías. O foco sitúase na calidade artística e na capacidade de cada proposta para dialogar co lugar que a acolle. Igrexas, mosteiros, castelos, pazos, antigas fábricas, arquitecturas contemporáneas e paisaxes naturais forman parte dos escenarios dun proxecto que entende o patrimonio non como un mero contedor cultural, senón como un elemento activo da experiencia artística.

Contexto e escoita

O festival concíbese como un espazo de encontro e para iso procura favorecer unha relación máis próxima entre artistas, públicos e territorio, xerando un contexto que convida a descubrir, percorrer, comprender e habitar os lugares, na idea de que un festival pode ser unha experiencia máis ampla ca unha mera sucesión de concertos.

Nun tempo marcado pola aceleración e o consumo rápido de experiencias, o festival reivindica o valor da atención, da observación e da escoita. A música convértese así nunha oportunidade para reparar nos lugares, na paisaxe, nas persoas e no tempo compartido.

Para iso, canda os concertos, a programación desenvolve diferentes actividades, partindo da convicción de que dificilmente se pode protexer aquilo que non se coñece nin establecer vínculos duradeiros con aquilo que non se comprende. Non se trata dun mero complemento da programación, senón de parte do propio acto de escoita e dun elemento esencial na creación de comunidade arredor do festival.

A proximidade como experiencia

Fronte a modelos baseados en grandes producións e eventos masivos, Espazos Sonoros aposta por formatos de pequena escala que favorecen a proximidade e a intensidade da experiencia artística. Os intérpretes comparten espazo co público e participan da vivencia mesma dos lugares nos que actúan, xerando unha relación máis directa coa música, co patrimonio e coas persoas que lles dan vida.

Un festival que habita os lugares

O festival non entende os espazos como simples escenarios, nin as comunidades locais como meras receptoras dunha programación externa. Pola contra, procura achegarse aos lugares integrándose temporalmente nas dinámicas propias de cada contexto e favorecendo unha convivencia harmónica co patrimonio, coa paisaxe e con quen os habita.

Nesa viaxe, o festival atopa tamén a hospitalidade dos lugares que o reciben, construíndo unha relación de respecto mutuo que forma parte esencial da experiencia. Desde unha perspectiva non invasiva do territorio, Espazos Sonoros procura crear vínculos duradeiros e favorecer relacións que poidan perdurar máis alá da propia celebración dos concertos.

Un proxecto aberto

A colaboración entre profesionais da cultura de diferentes procedencias constitúe outro dos sinais de identidade de Espazos Sonoros. O festival procura favorecer o encontro entre diferentes formas de entender a creación artística, establecendo redes de colaboración que contribúan a situar o patrimonio e a creación cultural galega no marco doutros contextos europeos e internacionais.

Espazos Sonoros é un proxecto que entende este intercambio como unha oportunidade de aprendizaxe mutua e enriquecemento compartido.

by Belen Bermejo

Que queda despois do festival?

Espazos Sonoros non resolve problemas, non restaura monumentos, non combate a despoboación, non crea emprego masivo nin xera macrocifras de visitantes. Contribúe, porén, a construír imaxinarios e mostrar formas distintas de relacionarse co patrimonio e co territorio.

Lonxe dos elitismos e do discurso habitual dos «concertos en lugares singulares», o festival crea un ámbito para a reflexión colectiva no que estreitar, ao tempo, lazos con outras persoas arredor do patrimonio, da paisaxe e da memoria.

A cultura convértese así nunha ferramenta para dotar de sentido a experiencia humana e para unha mellor comprensión do mundo que habitamos.

Traxectoria

Case vinte anos…

Máis de 300 concertos e actividades…

Boa Práctica de Xestión Cultural 2018

O proxecto naceu en 2008 ao abeiro da entón Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Desde 2021, o proxecto pasou a depender da Deputación Provincial da Coruña, a través do Servizo de Patrimonio e Contratación, desenvolvendo a súa programación principalmente en espazos situados no territorio provincial coruñés.

Ao longo da súa traxectoria, Espazos Sonoros organizou arredor de 300 concertos e centos de actividades complementarias relacionadas coa música, o patrimonio, a paisaxe e a memoria do territorio

En 2018, o festival foi distinguido como Boa Práctica de Xestión Cultural pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

Fixeron parte dos Espazos Sonoros…

Entre outras moitas figuras e formacións, pasaron polo festival artistas do talle de La Reverdie, Corina Marti, Marco Beasley, Rolf Lislevand, Arianna Savall, Andrew Lawrence-King, Per-Sonat, Joel Frederiksen, Maria Jonas, Capella de Ministrers, La Bellemont, Martín Códax, Diana Baroni, Germán Díaz, Ensemble Gilles Binchois, Gothic Voices, Josephine Foster, Huelgas Ensemble, Oni Wytars, Moscow Art Trio, Tasto Solo, Ensemble Kapsberger, La Morra, Austrian Baroque Company, Huun-Huur-Tu, Amandine Beyer ou Abraham Cupeiro.

O noso agradecemento a…

> Jacinto Collazo Gantes, párroco de San Tomé de Monteagudo
> Slawomir Kondzior, párroco de San Nicolao de Cis
> Miguel Estalote Gómez, reitor do santuario da Nosa Señora da Laxe
> José Soneira Lema, párroco de Santiago da Pobra do Deán
> Ramón González Outeiral, sancristán de Santiago da Pobra do Deán
> María del Carmen Iglesias, sancristá de San Tomé de Monteagudo 
> Consuelo Paz González, estudosa da Nosa Señora da Laxe

Logos da Deputación da Coruña e das entidades colaboradoras de Espazos Sonoros.