O festival

IMG_7647 2.jpg

 

Desde 2008, Espazos Sonoros vén desenvolvendo un intenso labor co ánimo de procurar unha singular simbiose entre a música e o patrimonio histórico. Ao longo de 17 anos, o festival acadou altas cotas de prestixio como un dos festivais de música clásica máis lonxevos de Galicia. Máis de 500 concertos e actividades didácticas para o goce da música e a descuberta do patrimonio, tiveron desde entón lugar en máis de 300 espazos relevantes do patrimonio histórico galego.
A programación do festival está destinada a un amplo espectro de público e acolle unha gran variedade de propostas musicais en consonancia sempre cos espazos nos que esta ten lugar. Cada ano, o festival presenta un programa de concertos do máis alto nivel dentro da música clásica, antiga e de cámara, así como outras propostas que tenden pontes cara estilos musicais como as músicas do mundo, a música electrónica, experimental ou a danza.
Ao longo dos anos pasaron polo festival figuras e conxuntos do talle do Esemble Gilles Binchois, Andrew Lawrence-King, Ensemble Kapsberger, Huelgas Ensemble, Austrian Baroque Company, Arianna Savall, La Morra, Andrés Cea, Marco Beasley, La Reverdie, Hirundo Maris, Capella Sancta Maria, Oni Wytars, Capella de Ministrers, Joel Frederiksen, Per-Sonat, Rolf Lislevand, Le Mirroir de Musique, Cuarteto Quiroga, Xabier Díaz-Latorre, Gothic Voices, Seldom Sene, Vivid Consort, Les Sacqueboutiers de Toulouse, La Chimera, Diana Baroni, Tasto Solo, Quadriga Consort, Wilbert Hazelzet, Amandine Beyer, The Joubran Trio, Huun-Huur-Tu, Dona Rosa, Josephine Foster ou Germán Díaz, entre outros moitos.
A combinación de música e patrimonio ofrece ao público a oportunidade de vivir experiencias inesquecibles, creando ao tempo intensos lazos entre estes, os equipos de produción, os artistas e as xentes que habitan nos espazos ou nas súas contornas.
O festival promove tamén a creación musical apoiando artistas emerxentes, aos que se lles ofrece a posibilidade de actuar a carón de primeiras figuras do máis alto nivel. A sustentabilidade do festival é un dos seus puntos fortes e distintivos. Unha pouco sofisticada, pero próxima ao público, escenografía, respectuosa coas poboacións e estruturas sociais polas que transita, unida a unha practicamente nula produción de lixo, ruídos, papel ou nulo consumo enerxético e de publicidade foron, desde as súas orixes trazos distintivos do festival. Lonxe de ser isto un prexuízo para o prestixio do mesmo, podemos dicir que, grazas precisamente a este prefil, Espazos Sonoros se foi consolidando ao longo dos anos, espertando interese máis alá das nosas fronteiras e provocando sólidas colaboracións con festivais e institucións como o Festival In Spiritum de Porto, nas súas edicións 2014 e 2015, ou o Austria Kultur Forum, que promove e apoia, desde 2015, a presenza de artistas austríacos no festival.
O festival foi recoñecido por estas e outras razóns, en 2018, co distintivo Boas Prácticas en Xestión Cultural que outorga a Asociación Galega de Xestores Culturais en colaboración coa Deputación da Coruña.
O festival contou, desde o seus inicios, coa colaboración de institucións como a Xunta de Galicia, numerosos concellos galegos, empresas privadas galegas e estranxeiras, consorcios de turismo galegos e estranxeiros, consellos reguladores de diferentes denominacións de orixe e outras institucións públicas e privadas, nun intento por comprometer a todas elas nun proxecto pensado desde e para a cidadanía galega, sen perder de vista a súa proxección no exterior.

 

O equipo

Organiza

Deputación da Coruña Área de Patrimonio e Contratación

Dirección artística e coordinación

Belén Bermejo López

Redacción

Andrés Díaz Pazos Belén Bermejo López

Asesoramento lingüístico

Elvira Ribeiro Tobío

Deseño, imaxe e comunicación

Sirgo Torcendo S.L. 

Maquetaxe

Cátia Leite

Produción técnica

Goyplasón S.L.

Apoio á produción

Miraxe, S.Coop. Galega

AF_web_folhaDeLogos_ES24.png

E tamén o noso agradecemento a...

> Manuel García Souto, párroco de Santiago de Mens

> Luís Garrido Bermúdez, sancristán da igrexa de Santiago de Mens

> Rosa Penas Gerpe e Agustín Ordóñez Armán (in memóriam), propietarios das Torres de Mens

> Fran Canosa Martínez

> Xan Creus Andrade

> Guillermo Fernández Rodríguez Escalona

> Manuel Lorenzo Baleirón

> Héitor Picallo Fuentes

> Escola Municipal de Música do Porto do Son