Santuario de Nosa Señora da Laxe

Sábado 19 de setembro, 19.00 h, Reïna Lupa.
Coñece o teu patrimonio. Ás 16.00 h, pequeno percorrido polos muíños do Río das Gándaras.

Santuario da Nosa Señora da Laxe, Vilasantar

Situada no lugar da Laxe, entre dúas parroquias divididas polo río Cabalar —a de Vilariño e a de Armental—, esta ermida foi construída sobre unha rocha xunto ao río como un dos exemplos de templo cristián que substitúe un culto anterior, neste caso dedicado á auga.

San Martiño de Braga fai mención, no século VI, dunha pequena ermida na cima dunha rocha rodeada por un río e con dúas fontes das que manan augas milagreiras. Segundo a lenda, no río Cabalar, ao pé dunha rocha, apareceu a imaxe en pedra dunha muller, feito que daría orixe ao santuario co nome da Nosa Señora das Augas.

O estado actual do conxunto nada revela da importancia que o santuario chegou a ter como lugar de peregrinación. No século XVI, debido ao aumento de xentes que peregrinaban ao lugar, o matrimonio dos Fandiño, do lugar de Cezar en San Vicenzo de Curtis, impulsou a construción dunha ermida máis grande, pagando ademais unha bula do papa Sixto V, que lle concedería ao santuario os mesmos privilexios da basílica de San Xoán de Latrán en Roma. En recordo disto, consta que se fixo unha furna, entre dúas columnas orientadas ao mediodía, que se foi enchendo con terra traída de Roma polos peregrinos e que se conservou até mediados do século XX.

O santuario chegou a contar cun reitor, un capelán maior, sete capeláns e serventas que, os sábados e días de festa, atendían os tres altares; así como varias confrarías, entre elas unha encargada da celebración das catro festas da Nosa Señora. De aí que o retablo, polo seu interior, estea dotado dun curioso camarín que lles permitía ás persoas que alí acudían pasar por detrás da virxe e abrazala. Nas festividades da Nosa Señora, de todos os apóstolos e da Ascensión de Xesús celebrábase mercado, había música, danzas e comida festiva para os confrades. No conxunto tamén se incluían hospedaría e seminario. O recinto sacro, delimitado por catro cruceiros, tiña catro entradas, unha por cada punto cardinal. Nel había, ademais da igrexa, nove edificios, entre eles, hospital de peregrinos, escola gratuíta para a infancia, postos de venda de viño e carnes, cabalarizas e casas de comida.

O santuario gozaba de copiosos ingresos procedentes de esmolas, doazóns e das fundacións de misas, que non sempre se podían cumprir polo seu elevado número. De feito, consta que o pai de dona Emilia Pardo Bazán chegou a pedir explicacións polo estado das súas fundacións de misas no santuario da Laxe.

Coa desamortización cambiou a vida do santuario. Poxados os seus bens, o número de capeláns e os actos de culto reducíronse. O hospital e a escola pecharon, deixouse de pagar a bula e caeu o número de romeiros. O edificio foi deteriorándose até chegar a un estado ruinoso. Sería o actual párroco, don Miguel Estalote Gómez, quen impulsou a restauración que permitiu que volvese funcionar como igrexa.

(Información subministrada por Chelo Paz González, do Concello de Vilasantar)